O PP négase a prohibir o uso de cianuro nas actividades mineiras

Ana Pontón comparou o perigo de utilizar cianuro nas explotacións mineiras en Galiza  coa catástrofe do Prestige

Ana Pontón reclama prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición de lei destinada a modificar a lei de minería en Galiza para prohibir o uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro e constituír garantías financeiras suficientes fronte ás indemnizacións por danos.

A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular que xustificou o seu voto en contra alegando que a lexislación vixente xa prevé “límites e cautelas suficientes”.

A denuncia de Nunca Máis presente no Parlamento galego

A parlamentaria nacionalista, que subiu ao estrado exhibindo unha camiseta de NUNCA MÁIS, advertiu que de non tomar precaucións pode acontecer outra catástrofe como a do Prestige polo que pediu endurecer o aspecto financeiro das empresas mineiras para que no caso de producirse danos medioambientais sexan as promotoras as que se fagan cargo dos gastos e non como ocorreu co Prestige, que tras 11 anos a sentenza non establece indemnizacións civís a cargo dos fretadores do barco.

Hoxe, o símbolo de Nunca Máis tamén está de actualidade, dixo, e levamos esta camiseta para denunciar a “impunidade, a inxustiza e que saia gratis contaminar as nosas costas”, unha xustiza,engadiu, que non foi quen de sentar no banco dos acusados “aos responsábeis políticos dunha das máis importantes catástrofes que viviu o noso país”.

Tras facer esta manifestación, a deputada foi chamada a orde e varias ocasións pola presidencia da Mesa e acusada de non cinguirse ao tema.

Pontón tamén mencionou na súa intervención aos traballador@s do naval que a mesma hora manifestábanse nas inmediacións da Cámara galega reclamando carga de traballo para os estaleiros, foron “tratados como delincuentes polas forzas de seguridade” para impedirlle acceder ás portas do Parlamento, denunciou a nacionalista.

Unha lei necesaria e preventiva

A deputada defendeu a lei nacionalista que advirte dos perigos de proxectos mineiros de gran escala coa utilización de elevadas cantidades de cianuro de sodio ao ano porque de producirse un faio no transporte ou almacenamento, explicou , as consecuencias “serán catastróficas”.

Pontón denunciou que as empresas explotadoras “non contan con seguros a longo prazo” para cubrir os custes en caso de accidente ou problemas no funcionamento dun sistema que produce “grandes cantidades de residuos mineiros nas zonas de extracción”.

O grupo parlamentario do BNG ataviado con camisetas de NUNCA MÁIS

A proposta do BNG pretende contar cos instrumentos necesarios para evitar catástrofes similares ao do Prestige, reiterou, e hai alternativas que o Partido popular non quere sequera escoitar, isto é “unha burla a democracia, á cidadanía galega e aos principios básicos que deben rexer o Parlamento”, alá vostedes coa súa “censura e paranoia”, afirmou Pontón.

A nacionalista reclamou “o principio de precaución” nas costas e na terra e lamentou que o Partido popular votara en contra dunha iniciativa demandada pola sociedade que denuncia “as aberracións que se producen en Galiza, que defende o medio ambiente e un modelo de desenvolvemento económico sustentable”.

O conselleiro ausente no debate

A nacionalista criticou a ausencia do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que si acudiu a votar, no debate sobre o “principio de precaución para as costas e a minería” e explicou que a ausencia veu motivada por atoparse “moi ocupado na súa conta de twiter” debatendo con membros de AGEDA a proposta que estaba a ser tratada na Cámara galega.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG