O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou esta tarde noite nun mitin en Vilagarcía que para parar as políticas de recortes de Rajoy-Feijóo e para que Galiza poida decidir hai que votar ao Bloque Nacionalista Galego.
Votar a Feijóo engadiu- é darlle un cheque en branco a Rajoy para que baixe as pensións, os salarios e as prestacións por desemprego, é dicir, para que sigan pagando a crise os de sempre, as maiorías sociais.
Hai partido pero se vai xogar por moi poucos votos, por iso cómpre non dividilos e concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG
Jorquera advertiu que o próximo 21 de Outubro hai moito en xogo, trátase de elixir entre dous modelos diferentes: o da dereita, que só trae consigo máis recortes, máis recesión e máis paro, alén dunha regresión do ponto de vista ideolóxico e de dereitos que non ten precedentes, e o modelo que representa o BNG.
Política para a xente
Somos unha forza política que ten o seu centro de decisión en Galiza, unha forza nacionalista e de esquerdas que ten como prioridade facer política para a xente, para a xente do mar, para a xente das conserveiras, para a xente de Alcoa, para o xente do naval, para a xente do noso agro, para os nosos mozos.
Para o candidato nacionalista, nun momento como o actual, de afogamento da economía e de reestructuración evidente do Estado, Galiza non pode ficar atrás, non pode darlle unha segunda oportunidade ao peor presidente da historia da Xunta, o señor Feijóo, un presidente inimigo do público, é dicir, inimigo do pobo.
Jorquera explicou que para pararlle os pés ao PP, para facerlles frente ás demolicións Feijóo hai que concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG.
Neste sentido, engadiu que hoxe tivemos unha boa proba de que hai partido, os dados do CIS así o demostran e que se vai xogar por moi poucos votos, a chave vai estar en non dividilos, o PP sabe que se concentra no BNG ten as eleccións perdidas.
Aymerich e Montse Prado
Pola súa parte, o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, aproveitou a súa intervención para esixir a Feijóo que pida perdón polas declaracións feitas por un ex deputado do PP, Castelao Bragaña, nas que afirmaba que as leis son como as mulleres, están para violalas, "se non pide perdón, Feijóo será indigno de Galiza e terá que dimitir".
Asemade, referiuse a que existen moitas candidaturas nestas eleccións, pero só dúas alternativas, ou apostar polo BNG ou manter á dereita no poder, sobre a que advertiu que estes días que quedan de campaña non van ter escrúpulos en volver a tentar gañar coa guerra suxa, como fixeron no 2009 "falando só dun coche que agora fica no garaxe de San Caetano e dunhas sillas que deben ser as do Gaiás, polas que Feijóo pagou 500 euros por cada unha delas".
A candidata número 3, Montse Prado, precedeu a Aymerich na palabra apelando á indignación, "que está ben", á rebelión, "que está mellor" pero facendo un chamamento sobre todo á acción, "e esa acción en Galiza só pode vir da man do BNG".
http://youtu.be/mwQiSVraOM4