O BNG realizou hoxe unha acción de protesta pola venda dos aforros galegos coa futura desaparición de NovaGaliciaBanco. Foi nunha concentración convocada ás portas das súas sedes centrais nas cidades do noso país. En concreto, na Coruña, os e as manifestantes entraron nas oficinas para repartir folletos informativos entre a clientela sobre a venda desta entidade.
Nun primeiro momento, os e as traballadoras de seguridade da entidade pediron aos manifestantes que ficasen na porta. De feito, unha parte das persoas que participaban na concentración non puideron acceder ao banco nun primeiro momento ao pecharse a porta de acceso. Mais, finalmente, cando varios clientes se achegaron a recoller os folletos informativos que entregaba o BNG, os responsábeis da oficina permitiron o acceso e o reparto do material dentro da mesma.
Foron varios os clientes de NovaGaliciaBanco que quixeron achegarse para amosar o apoio á concentración do BNG e mesmo a saír nas imaxes dos medios de comunicación como xeito de amosar o seu descontento coa situación do que xa é un banco.
Estamos ante a perda de ferramentas imprescindíbeis para a nosa economía produtiva, por iso demandamos desde o BNG, tal e como enfatizou Jorquera, que se opte por outra estratexia, é necesario crear un banco público galego.
Na concentración de Pontevedra estivo o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que afirmou que estamos, tal e como enfatizou, ante unha liquidación que vai supor a perda de milleiros de postos de traballo, roubo aos estafados polas preferentes, perda da obra social, perda de servizo no rural galego... un auténtico desastre para o país.
O portavoz nacional afirmou que no BNG non imos calar diante da evidencia de que o dúo Feijóo-Rajoy permiten que siga Bankia e non así a NovaGaliciaBanco. Volveremos insistir na necesidade de que Galiza teña sistema financeiro propio.
Neste sentido, Guillerme lembrou que Euskadi e Catalunya si contan con entidades financeiras e en Galiza é hora de dar paso á banca pública galega. Malia as negativas a esta proposta, o portavoz nacional afirmou que insisten en que non se pode facer, e crean un banco malo e a banca pública galega non. O problema non é se se pode, senón se se quere.
Non imos baixar a cabeza e resignarnos diante dunha solución inxusta e perxudicial para o noso país, concluíu.
Novo goberno
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a designación do novo goberno da Xunta, Guillerme indicou que Alberto Núñez Feijóo, como non vai cambiar de políticas, non cambia de persoas. Nese sentido afirmou que non espero nada dese goberno, só vai levar adiante as mesmas políticas. Dame igual o goberno que haxa porque non é goberno nin é nada, é unha delegación de Madrid en Galiza.
Folleto informativo repartido polo BNG.folleto venda NovaGaliciaBanco