“Os orzamentos da Xunta son ideolóxicos, non recuperan a economía nin defenden á cidadanía"

Intervención de Francisco Jorquera

Francisco Jorquera defendeu impostos para a banca, grandes fortunas e superficies comerciais, revisar os taxazos e blindar os servizos públicosPortada

Pleno-. Despois de seren debatidas as emendas en comisión, os orzamentos da Xunta chegan á Cámara galega para a súa definitiva aprobación.

O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera criticou o “optimismo” do Partido popular á hora de describir a realidade galega “ este país estase desangrando e vostedes seguen dicíndonos que Galiza vai ben”, sentenciou.

Despois de defender as emendas ao articulado e lembrar que o BNG presentou unha emenda de devolución ao proxecto de orzamentos, por considerar que non resolven a situación de crise, desemprego e desmantelamento dos servizos sociais, Jorquera asegurou que “aínda hai marxe para facer outras políticas” e establecer prioridades como a aplicación dun imposto á banca, grandes fortunas e superficies comerciais ademais de revisar os taxados co fin de xerar ingresos e poder blindar os servizos públicos.

Para Jorquera, os orzamentos da Xunta “son ideolóxicos e políticos e de costas á cidadanía galega, a nosa principal prioridade, dixo, é blindar “de verdade e non de boquilla” os servizos públicos esenciais, porque hai que “salvar ás persoas antes que os bancos”.

As emendas do BNG engadiu, van nesa dirección e por iso defendemos, “unha escala progresiva no IRPF autonómico elevándoo sobre as rendas máis altas”, incrementar o tipo impositivo para grandes patrimonios e depósitos bancarios así como para as grandes superficies comercias que tanto impacto negativo provocan no comercio local.

O BNG pide suprimir a suba de impostos sobre o lixo e carburantes

Por outra banda, se pretendemos reactivar a nosa economía, explicou, debe ser suprimido o incremento do gravame no imposto sobre hidrocarburos, mentres vostedes soben este imposto, “Navarra suprímeo da súa lei orzamentaria para o 2014” porque situaba a comunidade en desvantaxe competitiva, “Galiza tamén o pode facer”.DSC_0421

Dende o BNG, reiterou, apostamos de verdade polo gasto social e o investimento produtivo e por iso, propoñemos suprimir a suba do 34% no canon do lixo e o taxazo aos concellos.

Negocio a costa da saúde

O parlamentario tamén se referiu ao negocio, a “costa da saúde e das infraestruturas públicas” das que dixo, a Xunta xa ten comprometidos 3.000 millóns de euros para compensar ás concesionarias do novo hospital de Vigo e autovías.

Queremos mellorar o emprego público e evitar a degradación dos servizos públicos nun contexto no que Galiza segue destruíndo postos de traballo, para isto, é preciso, recuperar o poder adquisitivo dos empregados públicos porque non é xusto que sexan utilizados como “paganos dos axustes”.

O deputado tamén defendeu emendas para reforzar o sistema universitario e para denunciar a situación das universidades mostrou un gráfico ao fin de desmontar a publicidade enganosa do PP cando afirma telo incrementado, entre 2009 e 2014 os recursos destinados incrementáronse 36, 5 millóns de euros pero por arte de maxia, na páxina 158 do mesmo documento comprobamos que o incremento mencionado convertese nun descenso de 26,5 millóns de euros, “minte que algo sempre queda”, dixo Jorquera.

O PP, no uso da maioría parlamentaria, rexeitará a totalidade das emendas presentadas pola oposición

Na quenda de réplica, o deputado lamentou o voto desfavorábel do Partido popular ás emendas nacionalistas e o uso que está a facer da súa maioría parlamentaria, “ teño a dúbida de vivir no mesmo país que vostedes despois de escoitar que Galiza vai ben e mesmo hai brotes verdes”.

Jorquera amosa o documento das  Universidades

O noso país, por desgraza, conta coas taxas de paro máis elevadas da súa historia, perde poboación e este fin de semana líamos nun xornal que “40.000 licenciad@s emigraron de Galiza” pola falta de traballo, “este país, reiterou, desangrase e vostedes nos din que Galiza vai ben”.

Finalmente, Jorquera denunciou as políticas económicas do PP centradas no control do déficit contraendo o investimento público, “vostedes, agravan a crise, aumentan a débeda pública galega e inciden no círculo vicioso de non crear crédito para empresas e familias”. Esta semana asistimos aos últimos actos do “espolio do noso aforro co regalo de Novagalicia Banco á banca privada española” concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG