O portavoz nacional o BNG, Xavier Vence, puxo en valor o proceso de primarias para a elección directa e desde a base dos e das cabezas de lista e integrantes de NÓS-Candidatura Galega aos comicios do 20 de decembro, coa participación de 5.812 persoas por todo o país.
Quen quixo presentarse puido facelo sen ningún tipo de requisito de carné ou adscrición política, tanto para postularse como candidat@ como para escoller aos deputados e deputadas que cada un de nós quere ter para defender este país, para darlle a volta á política de recortes do PP e para conseguir que Galiza teña un voz propia e potente no Congreso, explicou Vence, tras participar el mesmo no proceso de primarias organizado pola Plataforma Iniciativa pola Unión, que en Santiago elixiu a praza do Toural para instalar a mesa de votación.
Demostramos que as cousas se poden facer doutra maneira, dando a voz á xente, construíndo de abaixo a arriba as candidaturas, non por acordos de cúpulas nin desde Madrid, senón que somos os galegos e galegas quen deciden libremente a composición da única candidatura galega decidida neste país, subliñou, tras a instar a traballar todos e todas para obter o mellor resultado para Galiza.
Vence explicou que NÓS-Candidatura Galega está integrada polo BNG e por outras cinco forzas políticas e, sobre todo, por moita cidadanía sen adscrición política. O que nos une a todos é querer ter unha gran representación galega sen supeditación a ningunha consigna, nin decisións foráneas a Galiza de forzas estatais, participadamente, cun programa para defender á maioría social deste país e para defender que Galiza sexa unha nación con dereito a decidir.
É o único programa e a única candidatura netamente galega que se decide polos galegos e galegas, centrada integramente na defensa deste país, sintetizou Vence. NÓS-Candidatura Galega é a candidatura onde imos todos os que queremos unha representación xenuína galega. É a candidatura galega 100%, representa ao BNG e moito máis, a outras forzas políticas e, sobre todo, á cidadanía que quere unha voz potente en Madrid, que defenda a Galiza por riba de todo.
Vence fixo fincapé en que na candidatura de NÓS non houbo ningunha forza que, desde Madrid, impuxo candidatos, programas e anagramas, elixida a través dun proceso de primarias que outros non fan. O que hoxe se vote aquí nas primarias son os nomes que van ir nas papeletas, non os que outros cociñan en Madrid, sen consultar á xente, nin a militancia. Penso que é un exemplo de como se elabora unha candidatura de país, concluíu.
Vence agradeceu a participación de Tereixa Novo e Carlos Callón, que se postulan como cabezas de lista por A Coruña, cos que coincidiu no momento da votación. Ambos candidatos explicaron publicamente o seu apoio mutuo simbolizado no feito de votar un polo outro no proceso de primarias que definirá as listas de NÓS-Candidatura Galega nas catro provincias tanto para o Congreso como para o Senado.