Miranda: "Galiza terá co BNG unha voz rebelde, loitadora e insubmisa que a defenda en Europa"

 ANA MIRANDA FORUM EUROPA VIGO 2O BNG presentase ás eleccións europeas do 25 de maio co aval do “intenso” traballo feito en defensa de Galiza durante esta lexislatura, focalizado nos sectores produtivos e nos colectivos máis agredidos pola crise. “Con esta bagaxe nos presentamos ante os galegos e galegas, coa certeza de ter sido unhavoz irredutible e sen complexos na defensa do País”, saliento Ana Miranda, candidata nacionalista durante a súa intervención no Forum Europa en Vigo.

“Penso, sinceramente, que é un feito recoñecido que se Galiza estivo presente no Parlamento Europeo foi grazas ao noso traballo constante polo país e pola xente do país. Agora só resta traducir ese recoñecemento en un gran apoio electoral o 25 de maio e demostrar que o BNG é forza política necesaria para romper esas maiores estables do PP e do PSOE que esmagan á nosa pesca, o noso agro, o noso naval, o noso tecido produtivo”.

Miranda subliñou que, fronte a esas opcións políticas que relegan a Galiza, “para quen os seus intereses son un intercambio de cromos”, “o BNG é a alternativa que precisa o país para ter a certeza de que seguirá tendo unha voz, rebelde, loitadora e insubmisa que o defenda en Europa, e coa intención de contribuír a construír outra Europa, solidaria e dos pobos”, salientou.ANA MIRANDA FORUM EUROPA VIGO 1

Teatrillo de Caballero

A candidata nacionalista puxo como exemplo emblemático o sucedido co Porto de Vigo nesta lexislatura, excluído da primeira categoría da Rede Transeuropea de Transportes porque PP e PSOE priorizaron outras infraestruturas do Estado.

“O primeiro obstáculo veu da man do entón ministro de Fomento do Goberno central e agora candidato socialista, José Blanco, que “esqueceu” pór ao Porto de Vigo no mapa que enviou á Comisión Europea coas infraestruturas seleccionadas polo Estado español para figurar no primeiro nivel”, denunciou Miranda.

“A partir de aí, unha sucesións de despropósitos que culminaron coa votación na Comisión de Infraestruturas do Parlamento en decembro de 2012, na que PP e do PSOE ignoraron as emendas presentadas polo BNG e decidiron deixar ao Porto de Vigo sen a categoría de infraestrutura principal, que si logrou, nesa mesma votación, o Porto de Tenerife”.

Xunto con este comportamento na Eurocámara, Miranda tamén salientou “o teatriño da autoridade portuaria e do alcalde de Vigo, a medio camiño entre a incompetencia e o cinismo, que escenificaron o seu suposto enfado polo abandono unha vez que foi publicado polos medios”, ao que se sumou “un Goberno da Xunta ausente” nunha negociación que era clave.

No traballo do BNG en Bruxelas, Miranda tamén salientou a defensa do sector naval, paralizado dous anos pola “ineficaz xestión” do expediente do tax-lease, o sector pesqueiro, con particular belixerancia contra o acordo Mauritania-UE que expulsou á frota cefalopodeira galega.

O sector agrario, a negociación dos fondos europeos, e completar o saneamento integral das rías foron igualmente prioritarios. A que fora eurodeputada fixo ficapé no papel do Bloque na defensa dos colectivos sociais máis agredidos, como os estafados polas preferentes, os desafiuzados ou as plataformas contra a megaminería contaminante, que xunto cos sectores produtivos fixeron escoitar a súas propostas directamente no Parlamento e na Comisión europeas da man do BNG.

Euroescepticismo

Miranda salientou o clima “xustificado” de euroescepticismo co que a cidadanía enfronta as eleccións europeas, “perfectamente comprensible ante este modelo de Europa que se ten convertido en parte do problema, en lugar de ser parte da solución”. Unha Europa que ten “no fabuloso rescate da banca especulativa” un exemplo da Europa que non debe ser “empeñada en botar polo sumidoiro” os dereitos e conquistas sociais que forman parte do “acervo comunitario”.

O BNG quere contribuír a mudar esa Europa neoliberal, marcada polas directrices da Troika que en España e Galiza aplica o PP “con entusiasmo”, para convertela nunha Europa solidaria e dos pobos.

A presentación da candidata neste Forum Europa correu a cargo de Camilo Nogueira, eurodeputado do BNG entre 1999-2004, mentor político de Miranda con quen empezou a traballar no Parlamento Europeo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG