Miranda: "É a candidatura da Galiza que se rebela e defende o seu futuro contra a Troika e o PP"

CANDIDATURA W1BNG presentou a “candidatura da cidadanía” ás eleccións europeas do 25 de maio co obxectivo de ser o escano de Galiza na Eurocámara e continuar o traballo en defensa do país desenvolvido nesta lexislatura pola que volve a ser a candidata nacionalista, Ana Miranda.

“É a candidatura que representa a Galiza viva e combativa, a candidatura da cidadanía que non se resigna e que loita polo seu, a que lle fai fronte ás políticas de acoso e derribo da Troika que o PP executa con entusiasmo, dos galegos e galegas que plantan cara ás políticas que recortan dereitos, liberdades e benestar. É a candidatura da cidadanía que se rebela porque está en xogo o seu futuro”, explicou Miranda durante a presentación.

A cabeza de lista do BNG fixo fincapé na composición da candidatura, homes e mulleres dos colectivos sociais implicados cos problemas do país, representantes dos estafados polas preferentes, da Plataforma SOS Sanidade Pública, dos afectados polos abusos bancarios, dos emigrantes retornados, dos sectores produtivos máis afectados por Bruxelas, como o agro, a pesca, a conserva, o naval. Unha candidatura que inclúe personalidades significadas na súa defensa da cultura e da lingua, como sinais de identidade irrenunciables tamén en Europa.CANDIDATURA W2

“Homes e mulleres que están a carón das persoas”, subliñou Miranda, quen presentou a candidatura do BNG “como o contrario do que representa o bipartidismo na Eurocámara, que se alterna e se reparte o poder para facer as mesmas políticas de sempre a favor dos poderosos e contra os intereses da maioría social”.

Miranda reivindicou o traballo “en defensa de Galiza” desenvolvido como eurodeputada do Bloque na pasada lexislatura. “Asumo de novo o compromiso de ser o escano galego en Europa, porque neste cinco anos foi o BNG quen puxo na axenda política da Eurocámara os temas e os problemas deste país”. Neste sentido, lembrou o traballo do Bloque que fixo posible que delegacións do sector agrario, pesqueiro, dos estafados polas preferentes, do traballadores do sector naval ou dos que loitaron contra a megaminería contaminante alzaran a súa voz directamente en Bruxelas ante o Parlamento e a Comisión.

“Conseguimos que Galiza estivese presente no Parlamento Europeo, traballamos polos país e pola xente deste país, e o 25 de maio confío en contar co apoio dos galegos e galegas que se rebelan, que loitan polo seu futuro, que non queren que outros decidan por nós, e que saben que teñen no BNG un aliado para defendelos en Europa”, concluíu.

A presentación da “candidatura da cidadanía” tivo un carácter plural e colectivo con intervencións dunha significativa parte dos seus integrantes.

Xosé Manuel Carril: “Son profesor de dereito social dunha universidade pública, e se me preguntan por que forma parte desta candidatura? Porque o BNG é a antítese da UE que apoia as minorías e aos estados, é a voz da democracia, das persoas e dos pobos en igualdade e respecto mutuo”.

Olaia Rodil: “Teño 24 anos, veño da montaña de Lugo e identifícome con esa mocidade que non se resigna nin a emigración, nin ao desemprego dos que responsabilizo ás políticas europeas”.

Xesús Domínguez: “Son autónomo, fillo de estafados polas preferentes e coa colaboración de Ana Miranda chegamos coa nosa denuncia ao Parlamento Europeo polo que o BNG ten sido unha ferramenta moi útil na nosa loita,na que reclamamos a devolución da totalidade dos nosos aforros”.

Alba Fidalgo: “Traballo na automoción e participo en colectivos que loitan contra os abusos bancarios e os desafiuzamentos e vou na candidatura do BNG porque defendeu o cambio da normativa hipotecaria que deixa as persoas sen vivenda”.

Suso de Toro: “Vou nesta candidatura porque vivimos un momento de excepción e penso que todos temos que tomar partido fronte a un Goberno que está a destruír a sociedade e a Galiza, e o BNG defende unha sociedade xusta é a supervivencia deste país”.

Isabel Risco: “Porque creo neste país, porque non me resigno a ver que poden destruílo, incluído a nosa cultura e o noso idioma, que sofre ataques constantes. Estou nesta lista porque o BNG é o único que sempre lle deu voz, voto e presenza ao noso país e hai que cambiar esta UE desde dentro”.

Manuel González Moreira: “Son médico de familia en Vigo e pelexo para defender a sanidade pública que está a punto de desaparecer. Vou nesta candidatura porque é moi importante que se escoite a voz do BNG en Europa para denunciar as políticas de privatización e recortes dos servizos públicos”.

Victoria Louro: “Son feminista e apoio ao BNG porque reclama en Europa políticas contra a desigualdade de xénero e porque loita tamén en Europa pola visibilidade das mulleres galegas”.

Cesar Rodríguez: “Son traballador do naval, dos máis agredidos polas políticas da UE que poñen en xogo o futuro de dúas comarcas, Ferrol e Vigo, e Ana Miranda demostrou o seu compromiso coa defensa deste sector en Bruxelas. Para defender Galiza hai que crer nela como fai o BNG”.

Lista candidature BNG ás europeas.

Candidatura do BNG ás eleccións europeas-1 vO.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG