O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, esixiulle esta mañá a Feijóo que rectifique e que retire o decreto que marxina aínda máis a lingua galega no ensino.
Jorquera fixo estas declaracións antes de participar na multitudinaria manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego. A marcha estivo apoiada por unha ampla representación do BNG encabezada polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e pola Executiva Nacional.
Jorquera denunciou que o señor Feijóo teima en seguir aplicando un decreto claramente agresivo contra o idioma galego, que condena á lingua galega á marxinalidade no ensino. E faino -engadiu-malia a oposición de toda a comunidade educativa, malia as reiteradas sentenzas do TSXG que consideran ilegais aspectos básicos deste decreto, e fronte á opinión da sociedade.
Como mostra do desprezo do goberno do PP cara a lingua galega, Francisco Jorquera advertiu de que no proxecto de orzamentos da Xunta para este ano os recursos para as políticas de impulso do idioma galego redúcense a unha cantidade que equivale a un terzo do que asignaba á Xunta ao mesmo fin hai 20 anos, cando Fraga era presidente.
Por iso, o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG afirmou que é unha política do señor Feijóo e do seu goberno de ataque ao idioma galego, en consonancia ca súa política de destrución do tecido produtivo, da cultura e do emprego no noso país.
http://youtu.be/0XxYKz2E1b4