O BNG considera que os resultados electorais do 27S deixan unha clarísima vitoria das forzas independentistas cun mandato do pobo catalán para avanzar no proceso soberanista e, sobre todo, abren unha nova etapa no Estado que coloca a reforma constitucional e territorial no centro da axenda política das eleccións xerais e da próxima lexislatura.
Este contexto aporta novos argumentos a favor da candidatura galega de unidade, que o Bloque ve máis necesaria ca nunca para que Galiza non quede atrás.
A reforma constitucional e o futuro modelo territorial serán o gran debate nas eleccións xerais e no Congreso na vindeira lexislatura. É necesario que Galiza este nese debate, non podemos correr o risco de quedar fora dun escenario onde se vai redefinir o papel das diferentes nacións dentro do modelo de Estado, explicaba o portavoz nacional, Xavier Vence.
Neste sentido, recalcou a aposta do BNG por unha candidatura galega de unidade para acadar un grupo parlamentario propio que permita negociar en pé de igualdade cos demais grupos parlamentarios un novo status para Galiza e a defensa dos nosos intereses inmediatos. Estamos a tempo de sumar se todo mundo é capaz de ver que Galiza debe estar en primeira persoa no debate da inevitable reforma do Estado, explicou.
O dirixente do Bloque confía en que o resultado do 27S, -co fracaso de Pablo Iglesias incluído-, permita reconsiderar a posición de Podemos, Anova e EU expresada no preacordo asinado entre as cúpulas destas formacións e difundido a pasada semana.
O escenario que se abre no Estado ca aposta de Catalunya pola soberanía e o fracaso de Podemos, -xunto cos argumentos que xa había sobre a mesa-, son razóns sobradas para que reconsideren as opcións, porque aínda estamos a tempo para sumar nun gran candidatura galega, plural, de unidade que lle permita a Galiza ter voz potente con grupo parlamentario propio no Congreso non supeditado a ningún grupo estatal, argumentou o dirixente nacionalista.
En nome do BNG, Vence apelou á xenerosidade que esixe a cidadanía nun momento político extraordinario.
Espero que haxa capacidade para valorar o momento político extraordinario e as oportunidades que se abren para Galiza na vindeira lexislatura se somos capaces de presentar unidos unha gran candidatura para ter representación forte e xenuína no Congreso. Estar á altura das circunstancias con xenerosidade para entendernos e conformar a candidatura de unidade que o país necesita e gran parte da cidadanía reclama con ilusión, recalcou.
Iniciativa pola Unión
Neste sentido, o BNG valorou moi positivamente o resultado da asemblea de Iniciativa pola Unión, cun millar de participantes, da que salientou a mensaxe de man tendida sen exclusión algunha. Unha asemblea ca participación de militantes de diversas forzas políticas, -incluída Podemos, que concretou grupos de traballo para a elaboración do programa electoral, determinar o censo e redactar as bases para a elección de candidatos e candidatas polo sistema de primarias.
Tras o 27S, o BNG confía en que Rajoy escoite o clamor do pobo catalán e saiba ver que rematou o tempo do ultracentralismo iniciado por Aznar como reflexa o humillante batacazo do PP, ao que se suma a derrota do PSOE e o fracaso de Pablo Iglesias e Podemos, que pretendía ser a cara amable do centralismo, pero que nin aceptou unha parte do electorado de IC. Reafirma que as alternativas electorais deben construírse desde o país, concluíu.