O portavoz do grupo parlamentar do BNG instou ao Presidente da Xunta a esixir a dimisión do Alcalde e imputados do concello compostelán, disolver a corporación municipal e iniciar os trámites para unha nova convocatoria de eleccións
Entre os temas que serán debatido no vindeiro pleno do día 26, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG formulará unha pregunta ao Presidente da Xunta de Galiza sobre as medidas que pensa adoptar ante a situación que está vivindo a cidade de Compostela despois de seren imputados varios cargos municipais.
Jorquera asegurou que Feijoo non pode seguir mirando para outro lado porque ten unha dobre responsabilidade: é o Presidente do Partido popular de Galiza e a Xunta está lexitimada para iniciar o trámite de disolución da corporación municipal de Compostela.
Neste sentido, o parlamentario instou ao Presidente da Xunta a esixir a dimisión de todos os imputados, comezando polo alcalde, Angel Curras e estudar todas as posibilidades legais para a celebración de elección municipais anticipadas.
O portavoz do grupo parlamentario do BNG compareceu ante os medios de comunicación trala celebración da Xunta de Portavoces encargada de elaborar a orde da vindeira sesión plenaria ordinaria prevista para o día 26.
Sector naval, cese de Rogelio Martínez e medidas para evitar os desafiuzamentos
Francisco Jorquera avanzou que no vindeiro pleno serán debatidas as entre outras iniciativas do BNG, varias proposicións non de lei relativas ao sector naval ante os novos incumprimentos da SEPI para dotar ao estaleiros de Ferrol dun dique flotante, a situación dos hospital de Vigo, solicitar o cese do Delegado Territorial de Ourense, Rogelio Martinez e unha pregunta á Xunta sobre as actuacións necesarias para parar os desafiuzamentos.
Carga policial contra deputados, concelleiros e cidadanía nun acto para impedir o desafiuzamento dunha anciá en A Coruña
Sobre a actuación policial producida onte contra as persoas convocadas para impedir o desafiuzamento dunha anciá de 83 anos e na que o propio portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera foi zarandeado por impedir a acción policial contra os manifestantes, o parlamentario anunciou o traslado ao resto dos portavoces dunha proposta de declaración institucional que recolla un pronunciamento do Parlamento para garantir o dereito á vivenda digna, medidas contra os desafiuzamentos de miles de familias galegas mentres seguen en mans dos bancos vivendas baleiras, apoiar as iniciativas cidadáns destinadas a impedir os desafiuzamentos e a rotunda condena a actuación policial producida onte en A Coruña.
Jorquera confía en que se produza un pronunciamento unánime e emprazou ao Partido popular a que secunde esta proposta.
Finalmente, o parlamentario engadiu que o BNG solicitará a convocatoria da Comisión do Estatuto de Deputado porque na carga policial, dixo, foron socavados dereitos básicos dos deputados/as amparados pola Cámara galega e lembrou que o BNG xa solicitou tamén a comparecencia no Congreso do Ministro de Interior.