Francisco Jorquera acusou ao Presidente da Xunta de mentir á cidadanía coas contas públicas, co futuro de Novagalicia Banco, coa quita aos preferentistas e sobre todo, coa súa relación co narcotraficante, Marcial Dorado
Ante esta situación de descrédito e falta de credibilidade, Jorquera pediu a dimisión de Feijóo
Na sesión de control ao Presidente, o portavoz do grupo parlamentario asegurou que Feijóo non merece continuar por mentir por sistema á cidadanía galega.
O nacionalista afirmou que mentiu cando presumía de rigor na xestión das contas públicas e lembrou que o Consello de Contas demostrou as trampas do Goberno galego nesta materia, mentiu sobre o futuro blindado de Novagalicia Banco cando vai ser vendida a prezo de saldo e tamén mentiu, dixo, cando en campaña electoral afirmou que non pediría máis sacrificios aos empregados públicos e estar en contra da quita d@s estafad@s polas participacións preferentes.
A respecto da situación d@s preferentistas denunciou o paripé do Partido popular que votou pola mañá favorablemente na Cámara galega contra os descomunais descontos e en Madrid, pola tarde no Congreso, a favor da quita.
Feijóo sigue mentindo sobre a súa relación con Marcial Dorado
O deputado do BNG formulou a pregunta ao Presidente relativa á relación do mandatario co narcotraficante da que dixo, todo indica que non foi unha relación ocasional.
Jorquera acusou a Feijóo de mentir novamente ao afirmar que puxera fin a esa relación no ano 1997 ao coñecer as causas pendentes coa xustiza de Dorado para logo confirmar que a relación mantívose tamén entre o 2001 e 2003.
Asemade, engadiu, Feijóo negou a existencia de contratos entre a Administración galega coas empresas de Marcial Dorado para posteriormente admitilo pero desviando a atención sobre contratos coa Administración Fraga na que vostede, dixo, ocupaba un alto cargo.
Sr. Feijóo, cándo pensa dicir a verdade sobre a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado e aportar os contratos anteriores ao ano 2003, preguntou.
Ante o descrédito e falta de credibilidade, o nacionalista pediu a Feijóo que presentara a súa dimisión
Feijóo segue sen dicir a verdade sobre os expedientes de contratación con Marcial Dorado
A negativa do Presidente da Xunta a responder novamente á pregunta formulada por Jorquera, obrigou ao deputado a amosar un documento da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza onde recolle no seu artigo 77 que integran neste patrimonio documental os documentos de calquera época xerados, conservados ou reunidos no exercicio da súa función pública por calquera organismo de carácter público existente en Galiza.
O nacionalista tamén fixo mención do artigo 83.3 polo que baixo ningún concepto se poderán destruír documentos...das persoas e dos entes públicos polo que os expedientes valorados nos arquivos galegos non poden ser destruídos e preguntou, ironicamente, quén era o máximo responsábel da documentación da consellería de Sanidade nos anos 90.
Vostede ou minte ou admite unha legalidade e nin Galiza nin o seu Partido poden permitir un presidente perseguido pola sombra dunha relación que mancha a imaxe de Galiza
O deputado afirmou que Feijóo segue sen explicar as razóns polas que mantivo no seu cargo a Pablo Crespo en Portos de Galiza e a coincidencia da acusación por branqueo de capitais de Felix Pancorbo, avogado de Pablo Crespo e outros implicados na trama Gürtel no xuízo aberto pola Audiencia Nacional contra Marcial Dorado.
Por todo isto, concluíu Sr. Feijóo diga vostede dunha vez a verdade sobre a súa relación con Marcial Dorado e aporte os contratos.