O deputado lembrou as declaracións da conselleira de Sanidade cando afirmou que a cama non é un valor imprescindíbel como antes e que as camas dos hospitais pechan no verán para que o persoal disfrute das vacacións
Pleno.- A través da pregunta de control ao Presidente da Xunta, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera recomendou hoxe a Núñez Feijóo, non substituír o recurso-cama polo recurso-coche fúnebre en clara denuncia ao desmantelamento da sanidade pública galega.
O nacionalista tamén lembrou as recentes declaracións, neste sentido, da titular de sanidade Rocio Mosquera restando importancia ao valor da cama hospitalaria para introducir medidas como o peche de camas hospitalarias durante os meses de verán ou derivar pacientes con cancro e crónicos aos domicilios.
Cada verán, o PP incrementa o peche de camas hospitalarias
Jorquera formulou unha pregunta relativa ao peche das camas no centros hospitalarios en período estival para denunciar que o Partido popular pechou no ano 2010, 558 camas, no 2012, 787 e no 2013, 1.000 camas, agora, dixo, a previsión son 1.200 máis do dobre que hai catro anos durante os catro meses de verán.
O deputado do BNG tamén ironizou sobre o compromiso do Presidente da Xunta coa Sanidade pública galega, cómo vou poñelo en dúbida dixo, se vostede tena blindada, blindada para que a cidadanía non acceda a ela, recalcou.
Durante a súa intervención, Jorquera saudou aos traballadores da sanidade presentes no debate dende a tribuna do invitados e recordou que moitos destes profesionais tiveron que deitarse no chan das entradas dos hospitais en protesta polo peche das camas.
Outro verán con máis paro no sector sanitario e saturación nos hospitais
Aínda que vostede siga empeñado en falar dos mundos de Yuppi, o peche das camas provocará un grave deterioro da calidade asistencial, colapsos nos servizos de urxencias, saturación na atención primaria e un grande aumento das lista de espera ao que se debe sumar un maior paro so sector sanitario, afirmou.
Jorquera insistiu en que non existe unha boa sanidade pública sen profesionais e o peche de camas sobrecargará de traballo ao colectivo de traballadores/as cos traslados de unidade ou servizos do persoal fixo e aínda teñen o morro de xustificar o peche de camas polas vacacións dos traballadores, a intención do seu goberno, afirmou o nacionalista é clara, para vostedes todo é mercado, incluso a saúde, concluíu.