O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asegura que Rajoy volve do cumio da Unión Europea en Bruxelas aceptando máis recortes e unha suba do IVE, pero sen conseguir o necesario cambio de rumbo.
Jorquera fixo estas declaracións esta mañá no Porriño antes de participar na presentación a representantes do tecido económico e social da comarca da proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega.
O cumio europeo é unha nova oportunidade perdida
O candidato nacionalista defendeu un profundo cambio de rumbo nas políticas económicas no Estado español e na UE. Neste sentido, lamentou que o cumio europeo que se está celebrando onte e hoxe é unha nova oportunidade perdida para que sexa posíbel este cambio de rumbo.
O señor Rajoy -afirmou- vai vir de Bruxelas aceptando unha nova suba do IVE, aceptando novos recortes e sen conseguir o cambio de rumbo que é fundamental para saírmos desta crise económica.
Rajoy volve de Bruxelas con máis recortes e iso só provocará máis recesión e máis paro
Jorquera recoñeceu que se adoptaron medidas que a curto prazo van ter un efecto positivo á hora de aliviar a presión sobre a débeda público do Estado español, pero estas medidas están condicionadas ao cumprimento da letra pequena.
E a letra pequena -advertiu- son novos recortes, novas políticas de axuste, a suba do IVE....cando todos os datos indican que son medidas que están a provocar unha perda moi importante do poder adquisitivo e do consumo e, polo tanto, agudizarán a crise económica e xeran máis desemprego.
Un medicamentazo que afecta máis a Galiza
Así, o candidato do BNG á presidencia da Xunta denunciou que a partir do 1 de xullo os pensionistas por primeira vez terán que pagar polos seus medicamentos, unha medida especialmente lesiva para Galiza pois temos unha poboación moi envellecida e os nosos pensionistas cobran as pensións máis baixas do Estado español.
Galiza á cabeza da UE na suba do recibo da luz, malia exportamos enerxía eléctrica
Do mesmo xeito, Jorquera opúxose á nova suba do recibo da luz que o goberno do PP anuncia para o mes de xullo. O candidato nacionalista preguntouse como é posíbel que nos últimos seis anos a electricidade en Portugal baixase de prezo o 25% cando é un país que importa prácticamente toda a electricidade que consume, e ao mesmo tempo, Galiza, que produce moita máis electricidade da que consume, en cambio nos últimos seis anos a luz subise un 70%.
Jorquera denunciou que isto débese, entre outros aspectos, a leis feitas a medida das grandes eléctricas, que non teñen en conta, por poñer un exemplo, que os custos de distribución en Galiza son moito menores que noutras partes do Estado dado que as fontes de produción están moito máis preto dos consumidores.
http://youtu.be/7hzKxsAjmdM