Jorquera preguntará a Feijóo polo que non respondeu na súa comparecencia sobre as fotos con Dorado

O portavoz do BNG na Cámara galega pide a dimisión de Feijóo por "ética e hixiene democrática".

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu hoxe, trala Xunta de portavoces, para dar conta dos asuntos incluídos na orde do día do vindeiro pleno.

O parlamentario nacionalista avanzou que na sesión de control ao Goberno, o BNG preguntará por todas aquelas cuestións, ás que Núñez Feijóo non respondeu na sesión do debate sobre a súa relación co “contrabandista e narcotraficante”, Marcial Dorado e as fotos publicadas por un medio de comunicación nas que ambos aparecen nun iate.

Jorquera preguntará ao Presidente da Xunta se continua pensando que “un alto cargo que se relacionou cun capo da mafia non debe dimitir”, o BNG, dixo, será “moi contundente á hora de instar ao Sr. Feijóo a súa dimisión por razóns de carácter ético e hixiene democrática”, máis aló das responsabilidades legais nas que tivera incorrido.

Para o nacionalista, o Presidente da Xunta na súa última comparecencia “deixou as preguntas chave sen responder” e na vindeira sesión de control, o BNG porá en evidencia “as numerosas contradicións nas que incorreu”.

Neste sentido, manifestou que Núñez Feijóo admitiu que existían contratos con empresas participadas de Marcial Dorado, “extremo negado de maneira reiterada polo grupo popular”.

Feijóo “tira a pedra e agocha a man” cando lanza insidias contra o Goberno bipartito para “inmediatamente fuxir a México” e deixar ser aclarar as axudas e contratos con Marcial Dorado no período Fraga sendo Feijóo alto cargo deses gobernos, ciriticou.

Ademais, Feijóo insistiu no seu descoñecemento das actividades de Marcial Dorado a pesar de ser “vox populi” que o capo estaba incurso en varios procesos xudiciais como contrabandista, evasor fiscal e branqueo de capitais, Feijóo, para nós, dixo , isto é “ lexitimar prácticas delictivas”.

Por responsabilidade política, Núñez Feijoo debe explicar as afirmacións do portavoz do Grupo parlamentario do PP, Pedro Puig cando asegurou que Marcial Dorado utilizou a relación con Feijóo para “lexitimarse socialmente”.

Masiva resposta social contra a Mina de Corcoesto

Ante a multitudinaria manifestación celebrada en Carballo, o pasado domingo, contra o proxecto mineiro de Corcoesto, Jorquera anunciou que o BNG preguntará ao Goberno galego se “deixará de prestar apoio a mina a ceo aberto”, un proxecto do que dixo, responde a un modelo colonial, “de rapiña practicada polas multinacionais en países africanos”.

A situación crítica do comercio galego, a Proposición non de lei para elevar ao Congreso sobre a supresión das deputacións e o futuro de Novagalicia Banco serán asuntos que se debaterán na vindeira sesión plenaria tamén á iniciativa do BNG.

A débeda de Pescanova debe ser investigada

A preguntas dos xornalistas sobre a viabilidade da empresa viguesa Pescanova, Jorquera avanzou que o BNG aproveitará a comparecencia do conselleiro Economía e Industria, Francisco Conde, para preguntar sobre a actuación dos seus directivos. Empresa, engadiu que no pasado foi “utilizada de ariete” polo Partido popular para chegar á Xunta de Galiza.

O parlamentario considerou necesario “aclarar e investigar a actuación dos directivos de Pescanova” así como a aposta da Xunta por un modelo de crecemento centrado “na externalización” insostible que pon en perigo a pervivencia dunha empresa “emblemática en Galiza”, concluíu.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG