Jorquera pregunta a Feijóo qué ten que pasar no Concello de Santiago para que tome medidas

Francisco Jorquera

O deputado formulará esta pregunta ao Presidente da Xunta, ante a situación “insostíbel” despois de que o Fiscal solicite nove anos de inhabilitación para sete concelleiros do Partido popular por “presunto delito de prevaricación”

Jorquera en comparencia ante os medios de comunicación tras a Xunta de Portavoces

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu hoxe ante os medios de comunicación tras a Xunta de portavoces para dar conta dos debates propostos na vindeira sesión plenaria.

Na quenda de preguntas ao Presidente, Jorquera avanzou que o BNG preguntará qué ten que pasar no Concello de Santiago para que Núñez Feijóo tome medidas, “son xa 10 imputados dos 13 concelleiros do Partido popular” e a situación está sumindo ao concello na “parálise e no descrédito”.

Feijóo, cómplice e encubridor da vergoña do Concello de Santiago

Se Feijóo non reacciona, dixo, “será cómplice e encubridor”, e explicou que o Fiscal Superior de Galiza manifestou recentemente que existe unha diferenza elemental entre “presunción de inocencia penal e asunción de responsabilidades políticas” porque un gobernante que está baixo sospeita e non dimita, acaba “desprestixiando á institución que representa”.

Francisco Jorquera

O nacionalista criticou que Feijóo prefira mirar para outro lado ante o que cualificou de situación límite a que está a vivir a Capital de Galiza e ímolo a emprazar, recalcou, que adopte medidas “urxentes e contundentes”.

Noutra orde de cousas, avanzou a temática do vindeiro pleno extraordinario no que será debatida a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei de Reforma da Administración Local.

A privatización de servizos públicos propicia os casos de corrupción e tráfico de influencias

Para o parlamentario do BNG, os escándalos de corrupción teñen moito que ver coa privatización dos servizos públicos que crea o “caldo de cultivo” para o tráfico de influencias e a reforma de Administración Local, “impón esta privatización”.

Xa no pleno ordinario será debatida a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación sobre as responsabilidades da Xunta en Alimentos Lácteos de Galiza. A Xunta, dixo, apostou por razóns “partidistas nun proxecto condenado ao fracaso” enterrando 9 millóns de euros de fundos públicos, deixando unha débeda de 15 millóns e a centos de gandeiros e traballadores afectados pola quebra da empresa.

A quita das preferentes outra vez a debate no Parlamento galego

Finalmente, tamén se referiu a proposta nacionalista para reforma a Lei que establece unha quita aos preferentistas, a proposición non de lei sobre racionalización das estruturas político-Adminstrativas, “coartada do Partido popular para recortar autogoberno, democracia e centralizar o Estado”.

As actuación da Xunta sobre o aumento das cotizacións da Seguridade Social d@s autonóm@s, desmantelamento do 065, privatización dos servizos de esterilización dos Hospitais públicos galegos e as consecuencias sobre o meidomabiente do proxecto de adecuación da canle dos ríos Sarria e Celeiro en Sarria tamén formarán parte da orde do día da sesión plenaria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG