O portavoz do grupo parlamentario nacionalista asegura que o Presidente da Xunta incorre en continúas contradicións, non esclarece a súa verdadeira relación co narcotraficante e impide que a oposición examine a documentación de contratos, subvencións e facturas das empresas de Marcial Dorado coa Administración galega
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu hoxe ante os medios de comunicación para dar conta da orde do día da vindeira sesión plenaria tras a celebración da Xunta de Portavoces.
Jorquera anunciou que na sesión de control ao Presidente da Xunta, o BNG formulará unha pregunta sobre as verdadeiras relacións de Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado agardando que dunha vez, diga a verdade sobre este asunto.
Para o nacionalista, Núñez Feijóo non respondeu ás preguntas da oposición sobre o número de viaxes, lugares e pagos das mesmas con Marcial Dorado nin valorou o papel de Félix Pancorbo, avogado do narcotraficante, de Pablo Crespo, organizador de campañas electorais e eventos do Partido Popular galego e doutros implicados na trama Gürtel.
Feijóo minte ou admite unha ilegalidade
Ante a negativa do Partido popular de remitir aos grupos parlamentarios a documentación solicitada relativa aos contratos, facturas e subvención da Administración Pública coas empresas de Marcial Dorado, Jorquera acusou ao Presidente da Xunta de mentir ou admitir unha legalidade por afirmar que non existe documentación anterior ao ano 2003. O parlamentario explicou que a Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural de Galiza no seu artigo 77 especifica que o patrimonio documental integra os documentos de calquera época e calquera organismo de Galiza e no artigo 80.3 figura que baixo ningún concepto poderán ser destruídos os documentos.. .os expedientes de contratación de obra, servizo, asistencia técnica serán valorados nos arquivos galegos como de conservación permanente formando parte dos arquivos da comunidade.
A este respecto, engadiu que a documentación reclamada polo BNG aínda non foi remitida.
O BNG oponse a axustes nos salarios d@s empregad@s públic@s
A preguntas dos xornalistas sobre o posible recorte de salario a empregados municipais, o portavoz nacionalista amosou a oposición do BNG á medida e criticou que en nome da austeridade se sigan aplicando recortes e políticas inasumibles.
Por outra parte, asegurou que as medidas do Partido popular non nos sacarán da crise e reivindicou institucións financeiras propias e un Instituto galego de Crédito para que Galiza conte cun desenvolvemento económico que lle permita ter futuro.
Supresión de Deputacións e Casa Real
O parlamentario anunciou que o BNG no asistirá á convocatoria do PP para reformar a Cámara galega e reducir o número de deputados, o PP, dixo, pretende garantir a súa maioría no Parlamento establecendo criterios a priori e esta reforma é unha trampa para beneficiar os intereses do Partido popular en Galiza nun momento de grande desgaste político.
Para Jorquera, se o PP quere aforrar gastos que comece suprimindo as deputacións provinciais, os Ministerios coas competencias transferidas e a Casa Real.
Sesión plenaria
Na orde do día e asuntos propostos polo BNG figuran: a defensa do Ferrocarril en Galiza a paralización da Mina de Corcoesto e o anuncio de novos proxectos mineiros, a retirada da reforma da planta xudicial proposta por Gallardón e a defensa dos intereses dos afectad@s polas preferentes a través dunha Proposición de lei.