Jorquera: “O PP vai reformar o Parlamento dando un pucheirazo”

Xavier Vence e Goretti Sanmartin presencian o debate dende a tribuna de público

O nacionalista criticou que o PP debata unha reforma electoral para garantir a súa maioría absoluta mentres impide debates para extirpar a corrupción da vida pública e solucionar a dramática realidade de 290.790 persoas sen emprego

 A reforma electora,l impulsada polo PP, para recortar de 75 deputados a 61 seguirá o seu trámite parlamentario baixo as acusacións do BNG de “pucheirazo do Partido popular” e  buscar un “Parlamento anano para un autogoberno anano”.

Carteis nos escanos contra o “Pucheirazo do PP”

Durante o debate da proposición nacionalista, a que asistiu dende o público o Portavoz nacional do BNG, Xavier Vence e a responsábel de Política municipal, Goretti Sanmartín, o grupo parlamentario exhibiu nos escanos un cartaz co lema “Non ao pucheirazo do PP”.

Na defensa da alternativa nacionalista, Francisco Jorquera denunciou que a intención do Partido popular non é outra máis que reformar o Parlamento, “dando un pucheirazo” para manter a súa maioría absoluta, que a dia de hoxe, “sabe perdida”.

Carteis nos escasos nacionalistas contra o pucheirazo do PP

O PP segue furtando os debates sociais e contra a corrupción

O nacionalista criticou que o PP defenda unha proposta amplamente rexeitada pola oposición mentres segue impedindo os debates sobre como extirpar a corrupción da vida pública ou a situación dramática de 290.790 persoas sen emprego, “ non son votos, son persoas, son os parados e paradas que hai en Galiza”, e hoxe este Parlamento debería estar falando disto, dixo.

Jorquera tamén preguntou ao PP que respostas vai dar a unha sociedade indignada ante as revelacións da Operación Pokemon ou como vai combater o nepotismo, tras conceder unha praza de “maneira irregular” ao marido da Conselleira de Sanidade.

O parlamentario tamén reprochou ao grupo marioritario traer ao primeiro pleno da Cámara galega unha reforma que representa “un pucheirazo” do Partido popular coa intención de modificar, ao seu albedrío, a Lei electoral, “unha norma non escrita nunha democracia que de cambiar as regras de xogo deben procurar o maior consenso ou, cando menos, maiorías cualificadas” e non de maneira “unilateral” como pretende o PP.

Xavier Vence e Goretti Sanmartin presencian o debate dende a tribuna de público

Un partido engadiu, que a pesar de ter maioría nesta cámara, non a tivo nas urnas, “obtivo o 45% dos votos emitidos e o apoio de menos do 25% do total dos electores” e agora pretende usar esa maioría para perpetrar “ese pucheirazo legal”.

 O PP recorta a democracia apelando ao aforro

 O portavoz do BNG defendeu un modelo contrario ao proposto polo Partido popular empeñado en recortar a democracia e o autogoberno amparándose no aforro que cualificou de “falso argumento” porque, “estamos a falar só dun millóns de euros ao ano, catro millóns nunha lexislatura” cando na pasada lexislatura o Goberno Feijóo gastou máis de “25 millóns de euros en propaganda”.

 Por outra parte, indicou que o Partido popular esquece o aforro cando pretende reforzar as deputacións provinciais, ao seu xuízo, “institucións caciquís”, ministerios innecesarios con competencias que xa desenvolven as CC.AA, Senado, Delegacións do Goberno e postos que se poden aforrar na “Casa Real”.

Jorquera explicou que canto menor sexa o número de escanos escollidos por unha circunscrición, maior será a sobrerepresentación con que prima a Lei D’ Hont aos grandes partidos e coa proposta do PP, Ourense o Lugo obterán menos do 6 ou incluso o 7% dos votos, polo que “ficarán fora do Parlamento”. Ademais, posibilita que unha forza con menos do 40% dos votos teña o 50% da representación na cámara.

 Propostas do BNG para reformar a lei electoral

Fronte ao modelo do PP, o BNG defende: máis igualdade establecendo a paridade de xénero nas listas con listas cremalleiras alternando sexos, prohibir o envío de papeletas por correo, esixir a utilización da cabina antes da emisión do voto na urna, desterrar as carretaxes e coaccións na xornada eleitoral, contemplar a obrigatoriedade dos debates, regular a cobertura da campaña electoral por parte dos medios públicos para asegurar a difusión das distintas propostas.

 Pero ante todo, si se aborda unha reforma electoral debe ter como obxectivo “profundizar na democracia e non recortar como pretende o Partido popular”.

Neste sentido, o BNG propuxo establecer un sistema proporcional puro na asignación de escanos entre as distintas candidaturas para que teña o mesmo valor un voto do PP, do BNG, de AGE, do PSOE ou calquera outra formación, “nas pasadas elección houbo candidaturas que acadaron un escano por cada 16.128 votos e outras con 22.314 e hai provincias que acadan un escano por cada 47.769 habitantes e outras por cada 23.435, o Bloque, reclama eliminar a división provincial e que Galiza sexa “circunscrición única” para resolver os desequilibrios actuais.

O parlamentario rematou a súa intervención anunciando que o BNG defenderá ademais, unha reforma da lei de Iniciativas Lexislativas populares e Consultas populares.

Descarga a proposta do BNG de reforma da lei electoral

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG