O candidato do BNG á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, reclamou este martes ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que "despexe calquera incerteza" sobre a data das eleccións galegas e pediulle que non "truque as regras do xogo".
En declaracións aos medios tras facerse público que o lehandakari, Patxi López, decidiu adiantar as eleccións vascas previstas na mesma data que as galegas a outubro, Jorquera incidiu en que Feijóo debe "despexar as incertezas" sobre os comicios de Galiza.
Ademais, antes de participar na despedida do intelectual galego Avelino Pousa Antelo, aproveitou para criticar a súa proposta para recortar 14 escanos do Parlamento galego. "Pretende unilateralmente modificar as regras do xogo cunha reforma da lei electoral á súa medida, que non é presentábel nunha democracia", xulgou o candidato nacionalista.
Así mesmo, considerou que na actualidade "non existe xa correspondencia entre a maioría absoluta que ostenta o PP no Parlamento e o sentimento e a opinión da sociedade", polo que "é necesario un cambio político".