O portavoz do grupo parlamentario do BNG cualificou de feito de extrema gravidade as relacións do Presidente da Xunta co capo da mafia do narcotráfico Marcial Dorado
Francisco Jorquera reclamou hoxe a dimisión inmediata do Presidente da Xunta de Galiza ante as informacións que o relacionan co capo da mafia do narcotráfico en Galiza, Marcial Dorado.
Núñez Feijóo era daquela o mesmo de hoxe, dixo Jorquera que ademais criticou o comunicado emitido polo Partido popular , Feijóo nese momento ocupaba xa altos cargos dos Gobernos do Partido popular e era vox populi a implicación de Marcial Dorado coa mafia do contrabando, explicou o nacionalista.
Jorquera lembrou que Marcial Dorado fora detido en dúas ocasións e obxecto dunha investigación internacional sobre a súa presunta implicación no branqueo de diñeiro a gran escala e manifestou as explicacións do propio Feijóo e o comunicado do Partido popular son inverosímiles ao negar a estreita relación entre o Presidente da Xunta, Marcial Dorado e o testaferro do narcotraficante que ocupaba un cargo de confianza na Xunta de Galiza.
Asemade, Feijóo e Dorado realizaron diversas viaxes a Andorra lugar no que Marcial Dorado branqueaba diñeiro.
O deputado do BNG asegurou que resulta estraño que o Presidente da Xunta, neses anos, non escoitara falar da Operación Nécora ou da presunta implicación de Marcial Dorado na trama do contrabando e do narcotráfico.
O BNG pide a dimisión de Feijóo
Núñez Feijóo durante a campaña electoral do 2009, demandou a dimisión do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, trala publicación dunha foto nun iate co empresario Jacinto Rey. Falamos de relacións con persoas sobre as que non existe a máis mínima dúbida da súa honorabilidade", afirmou Jorquera e engadiu que os feitos "non son en absoluto comparables".
O deputado fixo referencia ás declaracións do Presidente da Xunta nas que afirmaba que un Goberno debe coidarse das malas compañías polo que o nacionalista pediu que predique co exemplo.
Nunha cultura democrática asentada, reiterou, relacións persoais con capos da mafia non poden ter outra resposta que a dimisión inmediata.
Comparecencia na Cámara galega
O portavoz do grupo parlamentario reclamou a comparecencia do Presidente da Xunta de Galiza na Cámara galega e anunciou que o BNG rexistrará diferentes iniciativas parlamentares para interpelar a Núñez Feijóo sobre esta cuestión.
Jorquera concluíu asegurando que para frear o deterioro da imaxe da política galega e rexenerar a democracia é necesario tomar medidas exemplarizantes comezando pola dimisión de Núñez Feijóo