Jorquera lembra que Louzán fixo carreira política da man dun contrabandista

O deputado nacionalista reprobou os ataques de Rafael Louzán contra o portavoz da Plataforma de afectad@s por preferentes do Baixo Miño, Xulio Vicente González ao  que acusou de “provocador nato, mamón e utilizar aos preferentistas para facer carreira política”

Francisco Jorquera formulou unha pregunta en comisión sobre as manifestacións do Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán contra o portavoz da Plataforma de Afectados pola comercialización de Participacións preferentes e obrigas subordinadas do Rosal.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG aludiu as declaracións de Rafael Louzán contra Xulio Vicente González ao que acusou de encabezar as mobilizacións co fin de “facer carreira política”.

Louzán aupado politicamente por un contrabandista

Jorquera afirmou que o Presidente da Deputación de Pontevedra si fixo “carreira política” pero da man do Sr. Nené Barral, “destacado capo do contrabando en Galiza, militante do Partido popular e condenado por delito fiscal. Ademais, engadiu, tiña depositados 2 millóns de dólares nas Illas Virxes e Hong Kong.

“Estes si que son antecedentes obxectivos”, dixo, e non as acusacións falsas ás que nos ten acostumados o Presidente da deputación de Pontevedra” porque así chegou a esta institución, “aupado por un capo do contrabando”.

O portavoz do BNG manifestou que o Partido popular pretende converter “as vítimas en verdugos” e para iso non ten escrúpulos e difundir todo tipo de infamias e insidias.

Jorquera tamén recordou que Rafael Louzán dedicou boa parte do seu mandato a “comprar tránsfugas para promover mocións de censura en diferentes concellos da provincia para asegurar o seu control político”.

O parlamentario nacionalistas considerou “intolerables” os ataques do presidente da deputación de Pontevedra ao portavoz da plataforma e indicou que tales ataques responden a “falta de sensibilidade do Partido popular coa situación que están a vivir miles de galegos estafados pola subscrición de preferentes” e de pouco serve que despois apareza nalgúns medios de comunicación, “vestindo a camiseta” contra este produto financeiro.

Para o portavoz do BNG no Parlamento, os ataques contra @s afectad@s polas preferentes “son sistemáticos e públicos” e resulta chocante que “un servidor público” que debe estar ao servizo dos cidadáns lance acusacións contra o representante “democraticamente elixido” dun colectivo de cidadáns vítimas dunha “estafa consentida e amparada” dende os poderes públicos.

 Insidias e infamias de Louzán contra o sindicalista da CIG

O parlamentario botou man dunha entrevista na que o Presidente da deputación de Pontevedra cualificou a Xulio Vicente González de “seren un provocador nato do que basta mirar os seus antecedentes”, para Francisco Jorquera estas afirmacións tentan “deitar dúbidas sobre o seu pasado, a súa honestidade e honorabilidade”.

Jorquera afirmou que Xulio Vicente “non ten antecedentes” porque nunca foi detido, nin condenado, e as manifestacións de Louzán volven a ser outra falta de respecto a miles de afectad@as polas preferentes co obxectivo de “intimidar aos afectad@s para que deixen de manifestarse e protestar”.

Pola súa parte, o director xeral de Relacións institucionais centrou a súa intervención sobre as causas das participacións preferentes e xustificou as insidias, infamias e dúbidas verquidas polo Presidente da Deputación provincial de Pontevedra.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG