O deputado asegura que a presunta solvencia do Goberno galego conduce a Galiza ao suicidio económico
Pleno-O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera responde á Conselleira de Facenda que o rigor do Goberno galego na xestións das contas públicas estase a converter no Rigor mortis de Galiza.
Tras a comparecencia da Conselleira de Facenda, Elena Muñoz para informar dos obxectivos da política do seu departamento, o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera afirmou que na actualidade "en Galiza as persoas xubiladas e paradas superan ás que están ocupadas".
O presunto rigor da xestión das contas públicas do Goberno galego están a conducir á Galiza ao rigor mortis.
O deputado nacionalista explicou que o Goberno central vén de revisar o cadro macroeconómico baixo unha previsión inicial dunha caída do 0,5 por cento no conxunto do ano 2013 vaticinando que no segundo semestre iniciaríase a recuperación, sen embargo, dixo, todos os datos indican que a depresión vai ser máis aguda e prolongada ante a previsión de Bruxelas que sitúa a caída do PIB no 1,5 %, triplo do pronosticado polo Goberno central.
O PP practica o austericio coas clases máis vulnerables
Polo que atinxe ao desemprego, dixo, o Goberno central xa admite que durante esta lexislatura as previsións da taxa supera en tres puntos a pronosticada inicialmente cunha destrución de 1.300.000 empregos, e a EPA do primeiro trimestre xa situou a taxa no 22,3%, é dicir, en só tres meses destruíuse máis emprego do previsto para todo o ano.
Con respecto á Galiza, Jorquera afirmou que bordeamos os 300.000 parad@s, un 44% xa non cobra ningunha prestación e existen 94.000 familias cos todos os seus membros en paro, o austericidio que practica o Partido popular, estrangula o consumo interno e provoca o derrubo da produción e do emprego, manifestou.
Jorquera asegurou que ao mesmo tempo que o Goberno do Estado mudaba as súas previsións macroeconómicas, Eurostat publicaba que no ano 2012 o déficit público real no Estado español chegou ao 10,6%, o máis alto de toda a Unión Europea,cunha débeda pública situada no 87%.
As políticas do PP non serven para saír da crise nin sanean as contas públicas
O parlamentario preguntou á titular de Facenda se tiña previsto continuar coa cantinela da solvencia e presumindo de ter pechado o 2012 por debaixo do déficit. Dende o BNG, dixo non entendemos que o Parido popular non cuestione distribuír o déficit entre as diferentes administracións e presuman de pechar o exercicio cun déficit do 1,19% cando o límite situábase no 1,5 por cento, isto significa, dixo unha taxa de paro histórica e renunciar a 300 millóns de euros que ben utilizados crearían miles de postos de traballo.
Un modelo de financiamento lesivo para Galiza
O portavoz do grupo parlamentario do BNG preguntou se o Goberno galego abrirá o melón do modelo de financiación autonómica e se conta con algunha proposta en materia impositiva.
Na súa intervención, Jorquera propuxo instar ao Estado a combater o escandaloso volume de fraude fiscal, compensar a suba do IVE de 2012 e reclamar que o imposto de sociedades se incorpore a cesta de tributos en Galiza para que empresas como, INDITEX, CITROËN e FENOSA, tributen aquí e non en Madrid, concluíu.