Jorquera: “Fomos multad@s por algo tan digno como a desobediencia civil e a resistencia pacífica”

As oito persoas sancionadas por participar na mobilización cidadá que impediu o desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rei, entre elas, o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, o portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, e o até o de agora secretario comarcal da CIG na Coruña, Paulo Carril, entregaron esta mañá na Delegación do Goberno as alegacións ás propostas de sanción emitidas.

En declaracións aos medios, o portavoz parlamentar do BNG puxo de manifesto que “coa apertura destes expedientes a Delegación do Goberno pretende amedrentar a cidadanía para que deixe de contestar na rúa as políticas inxustas, que crean desigualdades e exclusión social”. “Iso foi o que fixemos o 28 de febreiro, cando cidadáns da Coruña respondemos a unha convocatoria de Stop Desafiuzamentos para que a través da desobediencia civil e da resistencia pacífica impedísemos que se cometese un acto bárbaro”.

En alusión ás palabras do delegado do Goberno, Samuel Juarez, que acusou o propio Jorquera e as persoas que participaron nesta mobilización de ser “bárbaros”, o portavoz nacionalista salientou que “bárbaro é pretender deixar na rúa unha anciá de 86 anos, nunha situación total de indefensión e de total exclusión social”. “É incríbel que o delegado do Goberno defina como bárbaros as persoas que tiveron ese comportamento exemplar fronte a leis bárbaras como as que provocan dramas sociais, caso dos desafiuzamentos”, apuntou. Este modo de actuar, engadiu, forma parte dunha estratexia represiva por parte das autoridades gobernativas para tratar de amedrentar a sociedade.

Tamén fixo referencia Jorquera ás persoas estafadas pola fraude das preferentes, que tamén se acompañaron os sancionados durante a entrega das alegacións ás multas. O portavoz parlamentar do BNG informou de que “hai multitude de estafados e estafadas polas preferentes que están a recibir comunicacións de apertura de expedientes gobernativos, mesmo con multas de cantidades importantes, por ter esixido na rúa a restitución dos seus dereitos fronte á estafa á que foron sometidos”. Precisamente, esta mañá, en Tui, tiveron lugar uns xuízos contra persoas que participaron en protestas contra a fraude das preferentes, entre eles, Xulio Vicente, portavoz da plataforma de afectados polas preferentes do Rosal.

Seguiremos cumprindo o noso deber: responder as políticas inxustas nas institucións e apoiar os movementos sociais, neste caso un movemento tan exemplar como é Stop Desafiuzamentos

O portavoz nacionalista salientou, en nome do BNG, que “non nos van amedrentar”. “Seguiremos cumprindo o noso deber: responder as políticas inxustas nas institucións e apoiar os movementos sociais, neste caso un movemento tan exemplar como é Stop Desafiuzamentos”, subliñou.

En resposta ás preguntas dos medios de comunicación, Francisco Jorquera, que foi derrubado ao chan ese día pola policía, sinalou que a denuncia emprega linguaxe de “épocas pasadas” e acúsao de ser “cabecilla” e “instigador”, cando o nacionalista participou como un cidadán máis respondendo a unha petición de axuda da propia Aurelia Rei que canalizou un colectivo social e cando foi derrubado pola policía.

Advertiu o nacionalista de que, en primeira instancia, as autoridades gobernativas entregaron un informe policial aos Xulgados para que valorasen se houbera ou non comisión de delito. Froito disto, abríronse dilixencias xudiciais contra tres persoas. Foi entón cando todas as persoas que participaron no acto responderon solidariamente, comunicándolles aos Xulgados a participación no acto. “Polo tanto, se había comisión de delito, todos nos sentiamos responsábeis solidariamente”, afirmou. “A resposta que se deu desde o Xulgado é que no informe no se facía mención á nosa presenza e que, polo tanto, non cabía abrir dilixencias contra nós”, explicou. “E despois, as autoridades gobernativas fixeron un modificado para, a través doutra vía, a da multa gobernativa, sancionar persoas que inicialmente non foron sancionadas no informe policial que se entregou aos Xulgado”, engadiu.

Por último, o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza puxo de manifesto que “é evidente que se está optando pola vía gobernativa para que as persoas non poidamos acudir ao Xulgado e, perante un xuíz, defender o que fixemos”. Concluíu facendo alusión a que estas oito persoas “fomos multadas por algo tan digno como a desobediencia civil e a resistencia pacífica, conceptos popularizados por persoas como Gandhi, Nelson Mandela ou Luther King”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG