O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, criticou hoxe o papel de Núñez Feijóo na Conferencia de Presidentes por actuar como representantes das posicións de Rajoy en vez de defender e representar os intereses de Galiza.
Jorquera, que hoxe participou no ciclo de Conferencias do Forum Nova Economía, lamentou que Feijóo por unha banda admita que o sistema de financiamento é negativo para Galiza pero ao tempo diga que non hai que tocalo para non sermos un problema para o Estado.
O candidato nacionalista afirmou que Feijóo, máis unha vez, está comportándose acorde co papel que asumiu dende que Rajoy gañou as eleccións, actuar como delegado do goberno central en Galiza, non como presidente da Xunta.
Cinco eixos básicos para saír da crise
Jorquera aproveitou este foro para expoñer os cinco eixos que o BNG considera fundamentais para dar unha saída galega e social á crise, convencido de que só da man de máis autogoberno e da man dunha formación que plante cara aos recortes se pode producir a alternativa necesaria, pois os recortes xa estamos comprobando que só tran consigo máis recesión e máis paro.
O candidato do BNG salientou a necesidade de actuar sobre o sistema impositivo demandando maior esforzo fiscal a quen máis ten, perseguindo a fraude, pois son as grandes fortunas e as grandes empresas quen máis o cometen, e apostando por un concerto económico que permita que Galiza poida xestionar de xeito integral e con plena capacidade normativa os recursos fiscais xerados no País.
Mentres non se implante ese modelo engadiu- demandaremos do Estado unha reforma fiscal que incremente a progresividade do sistema impositivo e actuaremos na mesma dirección sobre os impostos proprios e os tramos cedidos dos impostos estatais.
Reducir gasto superfluo
Para Jorquera, outro dos pontos básicos para mudar as actuais políticas económicas é concentrar o esforzo do aforro na reducción drástica do gasto superfluo e improductivo.
O cambio que propón o BNG, dixo, pasa tamén obviamente e de forma prioritaria pola defensa e desenvolvemento dos sectores produtivos, por ter un sistema financeiro ao servizo da economía produtiva, a través da creazón dun banco público galego e por afortalar os servizos públicos e sociais.
Máis autogoberno Vs recentralización
O candidato nacionalista concluiu aludindo á necesidade de defender a reforzar o autogoberno para que Galiza poida decidir, ante o debate que se abriu de forma interesada pola dereita, utiizando a crise como coartada, para recentralizar o estado.
Por iso, o BNG propón a participación directa de Galiza en Europa en todos os asuntos que afecten ás súas competencias e intereses, o desenvolvemento e ampliación das actuais competencias e a supresión da administración periférica do Estado, nomeadamente das Deputacións, que suporía un aforro de 400 millóns de euros.
Jorquera rematou lembrando que no proceso de reformulación do Estado que se está a producir no Estado ninguén cuestiona que Cataluña e Euskadi van ter outro estatus, da sociedade galega depende que Galiza teña un goberno que defenda o seu País ou que nesa reformulación baixemos a segunda división.
Guillerme Vázquez
O candidato nacionalista foi presentado polo portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, que salientou a traxectoria política de Jorquera como exemplo de que si existen bos políticos e persoas imprescindíbeis que teñen renunciado a moitas cousas, incluso no persoal e nas súas carreiras profesionais, por traballar a prol dun proxecto de País, non de intereses persoais.
Guillerme Vázquez fixo unha chamada á rebelión e á coresponsabilidade ante uns tempos nos que ao roubo do pobo lle chaman austeridade e próximos ao segundo rescate que vai empobrecer aínda máis a sociedade.
http://youtu.be/pkhvjOw4i-k