Jorquera a Feijóo: “Qué proposta ten o seu Goberno en materia de financiación autonómica?”

Paco Jorquera

O parlamentario do BNG acusou ao Presidente da Xunta de non pronunciarse ante o aprazamento do Goberno central para revisar unha “cuestión chave” para Galiza

Jorquera formula a pregunta a Feijóo

Pleno.- Ante o aprazamento do Goberno central da revisión do sistema de financiación das CC.AA, o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera censurou que o Presidente da Xunta “opine sobre Cataluña, Escocia ou a baixa calidade na Cámara galega” e non se pronuncie sobre unha “cuestión chave” para financiar o ensino, a sanidade e os servizos públicos en Galiza.

 No transcurso da pregunta parlamentaria a Feijóo, Jorquera lembrou que nun acto en Baños de Molgas, o Presidente da Xunta volveu culpara á oposición de baixar o nivel da política, acto, dixo no que o alcalde do PP tamén dixo que “é triste condenar a Baltar por ter creado postos de traballo”. Opinar, reiterou, opina vostede moito pero seguimos sen escoitar a súa voz nunha cuestión esencial para Galiza e servizos que o seu Goberno segue recortando baixo a xustificación de que “non se pode gastar o que non se ten”.

Segundo datos do propio Goberno galego, explicou, os recursos de Galiza con cargo o sistema de financiamento serán en 2015 de 6.112 millóns de euros, “1.327 menos que no ano 2008”.

Paco Jorquera

Isto, abondou, é produto da reforma do sistema de financiación aprobada en 2009 e que prexudicou gravemente a Galiza. Aquela reforma, remarcou, só tivo o voto en contra dos deputados do BNG no Congreso.

Agora toca novamente reformala e o seu adiamento provocou que algunhas comunicades xa anunciaron a presentacións de recursos nos tribunais, qué vai facer a Xunta?, qué propostas vai formular? preguntou.

 Feijóo réndese aos ditados do Goberno central “sen rechistar”

Tras a intervención do Presidente da Xunta, o parlamentario replicou que o Goberno central non está a cumprir a lei e sostivo esta afirmación amparándose na disposición da LOFCA que determina a revisión do sistema de financiamento, cada cinco anos, “esta data cúmprese en decembro de 2014” lembroulle o deputado ao Presidente da Xunta.

Neste sentido, acusou a Feijóo de aceptar este incumprimento legal e tamén o argumento de Montoro cando asegura que coa crise é imposíbel que o Estado poña máis cartos para as autonomías pero que se baixarán os impostos porque España “ya se lo puede permitir”, en que quedamos?, non hai cartos para revisar o sistema de financiamento e hainos para baixarlle os impostos aos ricos?.

Cartos para armamento e rescate das autovías madrileñas

Jorquera tamén preguntou se hai cartos para autorizar un crédito ao Ministerio de defensa para armamento, 914 millóns de euros ou para rescatar as autoestradas madrileñas, 4.600 millóns, “a metade do orzamento da Xunta de Galiza”.

Feijóo responde a Jorquera

O parlamentario salientou que entre as opinións emitidas recentemente polo Presidente houbo unha en particular especialmente chamativa, a referida a “a marca España ten en Galicia unha comunidade cómplice”, efectivamente, dixo, “a marca España, na versión más rancia e cutre” e na versión inxusta e centralista do Sr. Montoro.

O cómplice é vostede, Sr. Feijóo, concluíu Jorquera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG