O nacionalista asegurou que a fuxida forma parte do currículo do Presidente da Xunta ao que sumou o seu desexo por facer méritos en España
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera pediu hoxe ao Presidente da Xunta que dea cara e deixe de fuxir ante a situación xerada polos sete edís do concello de Compostela acusados de prevaricación por prestar asistencia nun caso claro de corrupción.
O nacionalista considerou que, máis alá das conclusión da Fiscalía, os encausados recoñeceron ter cometido un enorme erro político e en política, explicou, cando se cometen erros graves, hai que asumir responsabilidades políticas, non queda outra opción máis que dimitir por limpeza e hixiene política.
O BNG empraza a Feijóo a asumir as súas responsabilidades
Jorquera na súa comparecencia, tras a Xunta de portavoces, emprazou a Feijóo a que asuma as súas responsabilidades políticas como Presidente do Partido popular de Galiza e da Xunta para non incumprir o compromiso formulado en sede parlamentar. Debe instar a estas persoas a dimitir inmediatamente, reiterou o deputado.
Por outra parte, tamén acusou ao titular da Xunta de facer méritos en España, en alusión a viaxe electoral que está a realizar estes días por diferentes puntos xeográficos do Estado español con propostas como a realizada recentemente a Felipe González para unha grande coalición encabezando un grupo de traballo sobre a reforma da sanidade, nós, afirmou, emprazamos a Feijóo a que en Galiza deixe de deteriorar a Sanidade pública e que deixe tamén de dar a fuxida por resposta.
PP e PSOE impiden unha resposta do Parlamento galego á carta do embaixador do Estado de Israel e suxiren que contesten os grupos de maneira individual
Sobre os debates previstos na sesión plenaria que se celebrará o vindeiro día 27, o deputado do BNG destacou a pinza de PP e PSOE ante a petición do BNG e AGE para responder de maneira formal dende o Parlamento galego á carta enviada polo embaixador de Israel contra a declaración institucional aprobada por unanimidade na Cámara galega reclamando o respecto aos dereitos básicos do pobo palestino. Jorquera cualificou o ton da carta do embaixador de prepotente, intimidatorio e intromisión coas libres decisións do Parlamento galego.
O deputado explicou que, tanto o PP como PSOE consideraron que deben ser os grupos parlamentarios de maneira individual os que respondan á misiva do embaixador , nós, afirmou cremos que a carta foi enviada ao Parlamento e debe ser esta institución a que responda.
Finalmente, Jorquera avanzou os debates propostos polo BNG na vindeira sesión plenaria entre os que destacou: a creación dunha comisión de estudo sobre a sinistrabilidade marítima, o peche de camas hospitalarias nos meses de verán, a xestión de Facenda contra os emigrad@s retornad@s, a reclamación da parte das pagas extras, a construción naval en Fene e Ferrol e o pacto económica entre a Xunta e as concesionarias das autovías para salvalas da quebra.