Jorquera cualifica de "impresentable" enteirarse dunha sanción a través dun xornal

O parlamentario mostrase  “orgulloso” de ter contribuído a impedir o desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rey e cualifica de “impresentable” enteirarse da sanción por un xornal

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera manifestou hoxe a súa “perplexidade” ante a información publicada nun medio de comunicación que anuncia o inicio do expediente de sanción  da Subdelegación do Goberno contra el e o voceiro do BNG, Xosé Manuel Carril, por ter participado o día 18 de febreiro no desafiuzamento dunha veciña de 85 anos na cidade de A Coruña.

O nacionalista, que compareceu en rolda de prensa, tras a Xunta de portavoces, afirmou sentirse “moi orgulloso” de contribuír a impedir que unha “anciá ficase na rúa” e considerou que “de ser certa a información publicada”, as autoridades gubernativas están “faltando” aos procedementos reglados en calquera estado de dereito.

O parlamentario sancionado non recibiu ningunha comunicación

Jorquera asegurou non ter recibido, a día de hoxe, ningunha comunicación e  “non coñecer a ningún José Manuel Carril” porque o voceiro do BNG no Concello de A Coruña, dixo, chámase  “Xosé Manuel Carril” en Galiza e na conchinchina.

Para o deputado, “as aoutoridades non están respectando a legalidade lingüística imperante en Galiza” e criticou a propia terminoloxía na información publicada da que dixo, “retrotráeme a outros tempos ao falar de cabecillas,  tempos do franquismo”.

Autoinculpación como acción colectiva e solidaria

Outro dos aspectos que salientou é o referido ao inicio de dilixencias xudiciais nos actos para evitar o desafiuzamento de Aurelia Rey,  e para que estas non prosperaran, explicou, as persoas que alí estabamos decidimos  “autoinculparnos”  nunha acción colectiva e de solidariedade contra un acto inxusto que pretendía deixar a “unha anciá na rúa  e en total indefensión”.

Jorquera mostrou a súa sorpresa ante a desestimación da “autoinculpación” para dar paso a un expediente ao fin de “sancionarnos, a min e a outras persoas pola vía administrativa” impedindo a posibilidade de acudir a un tribunal para “ratificar” a miña actuación.

Asuntos a debater na vindeira sesión plenaria

Na comparecencia tras a Xunta de Portavoces, Jorquera deu conta dos asuntos que serán debatidos na vindeira sesión plenaria entre os que destacou diversas proposicións non de lei do BNG sobre a situación do sector naval, o futuro da empresa Pescanova e a retirada do Plan sectorial co fin de impedir as previsións do Goberno galego en  proxectos mineiros como o de Corcoesto.

Asemade, o BNG defenderá unha moción contra o desmantelamento do ferrocarril e unha Proposición non de lei, xunto ao PSdeG e AGE, para acadar un pronunciamento do Parlamento galego fronte ao ataque dos dereitos das mulleres á saúde sexual e interrupción do embarazo.

O grupo nacionalista tamén presenta unha proposta de lei para establecer un imposto ás grandes superficies comerciais en defensa do pequeno comercio e como medida coercitiva para limitar a profusión das mesmas en Galiza.

Cautela para valorar as cifras do paro

 A preguntas dos xornalistas sobre os datos do desemprego, o deputado afirmou que deben ser tomados con “cautela” xa que no Estado existen case cinco millóns de persoas sen emprego e en Galiza a taxa sitúase preto dos 300.000,  a enquisa de poboación activa, dixo, “reflicte datos de desemprego maiores”.

Para Jorquera é necesario “avaliar o impacto estacional” na redución de desempregad@s e ter en conta que en Galiza, “o número de xubilados  e persoas sen emprego supera o número de ocupad@s” polo que hai que valorar con “enorme prudencia os datos publicados hoxe”, concluíu.  

 

Escoita o corte de audio coas declaracións de Jorquera

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG