Jorquera compromete o apoio do BNG para recuperar Preescolar na Casa

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, participou hoxe en Lugo nun acto de apoio a Preescolar na Casa e contra os recortes do goberno de Feijoo a esta entidade que poñen en perigo a súa a continuidade e a atención educativa aos nenos e nenas do rural galego.

O candidato nacionalista comprometeuse a “recuperar este servizo, porque é un servizo indispensábel para apostar pola educación e polo futuro dos nenos e nenas do rural”.

Francisco Jorquera, canda as deputadas do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán e Isabel Sánchez Montenegro, o portavoz municipal do BNG, Xosé Antón Bao, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, participou esta mañá nun acto de apoio aos traballadores e traballadoras de Preescolar na Cada diante da delegación da Xunta en Lugo.

O acto, organizado polos sindicatos CIG, CCOO e STEG, concluíu coa entrega de máis de 10.000 sinaturas recollidas por internet en contra dos recortes do goberno de Feijoo a Preescolar na Casa, uns apoios que se suman aos máis de 25.000 que se entregaron no Parlamento Galego.

Francisco Jorquera: “Recortar en educación é recortar no futuro”

Na súa intervención, o candidato do BNG á presidencia da Xunta salientou que “Preescolar na Casa é unha referencia educativa para toda Galiza e mesmo a escala de Europa, un proxecto que recibiu múltiples premios, cuxo modelo foi imitado e aplicado por outros países”.

Ademais, salientou que Presescolar na Casa “tiña unha importante función social de asegurar a igualdade de oportunidades: que os nenos e nenas do rural tiveses as mesmas oportunidades que os das cidades”.

Neste sentido, Jorquera criticou que “nun contexto como no que estamos recortar en educación é recortar no futuro, no principal activo que ten un país, como é a formación dos nenos e das nenas, dos cidadáns de mañá”.

Recortan en Preescolar na Casa pero danlle millóns ao ensino privado ou á Fundación Cela

Jorquera denunciou que “estamos ante unha decisión do goberno de Feijoo estritamente política, non económica, porque mentres se recorta por parte do goberno de Feijoo a un proxecto educativo como Preescolar na Casa, asistimos a que fundacións, como a de Camilo José Cela, reciben subvencións millonarias ou que se incrementar as axudas da Xunta a centros de ensino privados que segregan aos nenos e nenas”. “Polo tanto, -advertiu- é unha decisión política e ideolóxica o recorte do goberno do PP na Xunta a Preescolar na Casa, que pode abocar a este proxecto ao peche”.

http://youtu.be/3IvhSbDttY8

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG