O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, realizou hoxe unha primeira avaliación do anuncio, por parte do presidente da Xunta do que será o novo goberno. Indicou que se caracteriza polo total e absoluto continuismo e, por tanto, pola total falla de vontade de rectificación.
Malia a sentenza do TSXG, Feijóo segue avalando as políticas contra o galego do señor Jesús Vázquez, salientou, frente ao fracaso total e absoluto das políticas de xeración de emprego, segue avalando tamén á señora Beatriz Mato, e así até rematar un repaso polo resto de consellarías.
Para o BNG, estes nomeamentos son a demostración de que o señor Feijóo non ten un plan B, só sabe facer recortes e seguirá apostando por estas políticas antisociais e que non serven para saír da crise e por un goberno que xa demostrou a súa perda de impulso político e incapacidade para facer fronte aos problemas e necesidades do noso país.