O parlamentario nacionalista culpabiliza ao PP, presións da Banca privada e xestores das caixas de impedir un sistema financeiro propio en Galiza
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera afirmou hoxe, tras a comparecencia do presidente da Xunta na comisión de investigación das caixas galegas, que Feijóo reaxiu mal, tarde e arrastro ante a destrución das caixas.
Para o deputado, é función da comisión investigar a fondo as causas e responsabilidades de todo o acontecido nas caixas, extraer conclusións do futuro financeiro galego e que decisións se deben adoptar, porque de non ser así, dixo, esta comisión coincidirá coa acta de defunción do sistema financeiro galego.
Jorquera afirmou que a pesar de ser múltiples as causas que abocaron á desaparición das caixas, existe unha grande responsabiliade por parte dos xestores, que apostaron por un modelo de crecemento desmesurado vinculado ao ladrillo,externalizar a actividade das caixas fora de Galiza e emular as prácticas da banca especulativa ao que sumou responsabilidades políticas.
Os xestores das caixas convértense en auténticas dinastías
Vostede e o seu Partido, dixo, permitiron que os xestores das caixas se converteran nos seus donos, consentindo desviar o modelo de negocio montando nas caixas auténticas dinastías.
Jorquera asegurou que Feijóo reaxiu tarde, mal e arrastro ante un negocio especulativo froito das políticas monetarias,engorde da burbulla inmobiliaria coa lei do solo do Goberno Aznar e presións da Banca privada, o PP mentres tanto, criticou, seguía sen controlar o que estaba acontecendo.
O nacionalista acusou a Feijóo de asumir a presunta anomalía que representaban no sistema financeiro as caixas de aforros e as presións dos bancos que pretendían esta cota de mercado seguindo as directrices do Decreto de Fuentes Quíntana para rematar co modelo financeiro territorial e contra unha banca social.
Un modelo financeiro centralizado baixo a presión da banca privada
Este modelo, ao seu xuízo, acelerouse utilizando a crise como pretexto cos cambios introducidos no ano 2009 apoiados polo Partido popular para instituír o FROB dotándoo de amplísimos poderes, a reforma da LORCA e unha modificación das regras para esixir novas condicións de capital e solvencia ás caixas, co voto en contra do BNG porque sabiamos o que ía representar.
Jorquera recriminou ao Presidente da Xunta de impedir que as caixas foran transformadas nun banco público como reclamou o BNG, a través dunha proposición de lei rexeitada en Madrid e Galiza polo Partido popular.
En Galiza, reiterou vostede reaxiu mal, tarde e arrastro ante a ameada da absorción das caixas por entidades foráneas forzado a posicionarse ante a presión política e social, pero mentres vostede mantiña esta postura, o seu partido en Madrid introducía cambios que na práctica abocaban a estas entidades a súa desaparición.
E máis, engadiu, vostedes aceptaron a modificación da lei de caixas para prorrogar o mandato dos xestores.
Jorquera non quixo cualificar o papel de Miguel Angel Fernández Ordóñez nin de Marta Currás negándose a comparecer, para non incorrer no insulto pero manifestou que as desculpas do ex-gobernador do Banco de España e da Secretaria do Estado, ao BNG non lle valen.
Preferentistas na rúa do Hórreo reclaman a arbitraxe e a devolución integra das cantidades estafadas
Mentres se producía o debate na comisión de investigación, un nutrido grupo de preferentistas manifestábanse nas inmediacións do Parlamento reclamado o pago dos depósitos estafados.
O deputado do BNG explicou que as participacións preferentes foron emitidas no período Aznar e o Presidente da Xunta sigue cantando loas sobre o proceso de arbitraxe a pesar de que máis da metade dos galegos estafados, 40.000 persoas, corren o risco de perder boa parte dos seus aforros, é unha decisión política abrir a arbitraxe reclamou.
Jorquera rematou a súa intervención acusando a Feijóo de escorrer o bulto e non poñerse ao fronte do país e asegurou que de non mudar de rumbo político, correrá o risco de pasar á historia por dar a estocada de morte ao sector eólico, o naval, o pesqueiro e agora tamén ao financeiro.