Guillerme ve na enorme mobilización galega do 19X unha auténtica moción de censura a Rajoy

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou este Venres en rolda de prensa que o respaldo masivo ás manifestacións de onte contra a política “inxusta”, “inmoral” e “inútil” do PP foron unha auténtica “moción de censura” ao goberno de Rajoy, polo que este debera convocar un referendum ou eleccións anticipadas.

Guillerme Vázquez explicou que a maioría absoluta do Partido Popular, aínda que Rajoy insista en soster o contrario, non o lexitima para aplicar un programa que os cidadáns non votaron nas pasadas eleccións do 20 N, “polo que o mínimo en democracia é convocar un referendum para que a xente se poida pronunciar”.

O voceiro nacionalista amosouse convencido de que o rexeitamente social a esta política se vai manter no tempo e vai ir a máis, a medida que se empecen a constatar as medidas “salvaxes” adoptadas por Rajoy e que Feijóo “aplaude coas orellas”.

25 Xullo, outra oportunidade para saír á rúa

Neste sentido, chamou á participación masiva na manifestación do próximo 25 de Xullo, para volver dicir “basta xa” a estas políticas que só consiguen que os ricos sexan máis ricos a costa de empobrecer a milleiros de persoas.

Se non freamos estas políticas virán máis recortazos que afondarán na crise até extremos que nin imaxinamos, por iso o 25 de Xullo debemos volver dicir basta xa!

“Estas non son reformas -dixo- senón que é un roubo masivo aos dereitos dos cidadáns. Isto non é democracia, senón un golpe de Estado ao servizo dos poderosos e isto non é un goberno, senón un executivo disparatado onde un ministro se permite dicir que non hai cartos para pagar as nóminas dos funcionarios pero si para Bankia e o seu presidente nin aparece nun dos debates máis importantes do ano”.

Para o voceiro nacionalista, neste contexto é máis necesario que nunca rebelarse, unha rebelión cívica, profunda e masiva para frear en seco as políticas de Rajoy, “ou virán novos recortazos que afondarán aínda máis a crise até extremos que nin imaxinamos”.

E unha boa forma de amosar esta rebelión, explicou, é facer do próximo 25 de Xullo unha xornada histórica, na que fique claro que o BNG non está disposto a permitir que se siga con estas políticas que condenan ao suicidio colectivo e ao desastre absoluto.

Recurso de inconstitucionalidade

Guillerme Vázquez explicou que o BNG tamén fará explícito este rexeitamento ás políticas de Rajoy a través dunha proposición non de lei rexistrada no Parlamento galego coa que pretende emprazar a Feijóo a que demostre se está do lado do pobo ao que representa ou segue preferindo a submisión ao Estado.

Así, o grupo nacionalista reclama que a Xunta interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto de 13 de Xullo que recolle o novo recortazo de Rajoy, por invasión das competencias recollidas nos artigos 27,28,29 e 30 do Estatudo de Autonomía.

A letra pequena do BOE: a luz, máis cara en Galiza

Esta petición recóllese támen noutra iniciativa semellante do deputado Fernando Branco Parga, presente na rolda de prensa, que denunciou deste xeito un novo episodio da letra pequena do BOE no que aparecen publicados os recortes.

O BNG reclamará no Parlamento que a Xunta presente un recurso de inconstitucionalidade contra o real decreto do Goberno

Trátase, neste caso, da desaparición da tarifa eléctrica para todo o Estado, o que vai provocar que Galiza a partir da agora pagará a luz máis cara, ao repercutirse con carácter territorial a ecotaxa e o canon eólico aprobado na Lei 8/2009, de 22 de Decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galiza e se crea o canón eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Branco Parga cualificou de inxusta esta medida, que vai perxudicar tanto a cidadáns como á industria galega, polo que reclama unha tarifa eléctrica diferenciada, máis baixa, para os territorios que son excedentarios na xeración de enerxía eléctrica como é o caso de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG