O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou que é verdadeiramente indigno proceder ao desaloxo dunha anciá de 85 anos. Hai cousas que non se poden permitir e que son intolerábeis, situacións contra as que debemos loitar.
Nese sentido, puxo de manifesto que a presión social, a movilización da xente, a presión política dan resultados, podemos parar moitas inxustizas se lles facemos frente.
As inxustizas podemos paralas
Desta maneira se refería o portavoz nacional do BNG ao intento de desaloxo de Aurelia Rey da súa casa esta mañá na rúa Padre Feijoo en A Coruña. Un desafiuzamento que a presión social, a xente, a presión política foi quen de parar a pesar dos reiterados intentos das forzas de seguridade, dos bombeiros e dos funcionarios xudiciais.
Guillerme Vázquez denuncia a carga policial practicada contra os manifestantes que se concentraban diante da casa da anciana, entre os que se atopaban o voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera.
Razón pola que as deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, solicitarán a comparecencia do Ministro de Interior para que explique por que motivo se emprega a violencia policial en situación como a descrita e cando se trata de concentracións pacíficas en defensa de persoas desamparadas como o caso de Aurelia Rey.
Para o portavoz nacional do BNG as forzas de seguridade deberían estar ao servizo da cidadanía, defendela e non protexer sempre os intereses dos máis fortes. Vemos como en moitos casos de desaloxos se empreñan a fondo para custodiar os intereses da banca e dos poderes financeiros, e son funcionarios do Estado ao servizo da cidadanía.
Guillermo Vázquez engadiu que o BNG pide a demisión do Subdelegado do Goberno porque o que hoxe sucedeu en A Coruña é dunha indignidade e dunha inhumanidade sen límites.