O portavoz nacional do BNG insta ao Presidente do Partido popular galego, Alberto Núñez Feijoo a que explique á cidadanía a conexión de Galiza co presunto financiamento ilegal do PP
O portavoz nacional do BNG, o grupo parlamentario e diversos cargos institucionais participaron hoxe na manifestación celebrada en Santiago de Compostela para reclamar a devolución do cen por cen das participacións preferentes e subordinadas.
Ante os medios de comunicación, o portavoz nacional do BNG, cualificou de corrupción dos bancos a estafa das preferentes e demandou unha solución política, o goberno Rajoy, dixo, ten que establecer as normas para que a banca devolva o que de xustiza é dos seus donos en alusión aos estafados e estafadas deste produto financeiro.
Guillerme Vázquez tamén lembrou que estes días a actualidade mediática puxo o seu foco na corrupción e conivencia dos intereses da elite económica e política e comparou esta circunstancia coa estafa das preferentes porque, ao seu xuízo, é unha demostración práctica da conivencia deses intereses.
Devolución inmediata do cen por cen do estafado
O voceiro nacionalista engadiu que esta estafa serviu para financiar inmoralmente á banca polo que reiterou que os cartos estafados a miles de galegos e galegas deben ser restituídos na súa totalidade e de maneira inmediata.
Feijoo debe explicar a Galiza connection
A preguntas dos xornalistas sobre a información publicada en diversos medios de comunicación sobre a presunta financiación ilegal do Partido popular de Galiza, o nacionalista criticou que Núñez Feijoo, presidente do PP galego, tente desentenderse deste asunto.
Para o nacionalista, o Presidente da Xunta debe explicar á sociedade galega o significado desa Galiza connection e considerou que toda esta trama só é a punta do iceberg dun sistema corrompido porque hai existen corruptos e quen corrompe e a corrupción, só pode ser eliminada cunha rexeneración democrática a fondo.