O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosouse hoxe convencido de que o 21 de outubro vai haber un cambio de rumbo en Galiza, porque somos moitos máis os que rexeitamos as políticas de Feijóo. Para iso, subliñou que a chave da derrota do PP está no ascenso eleitoral do BNG.
Guillerme participou nun reparto informativo na Praza da Peregrina canda o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o candidato número 4 por Pontevedra, Luis Bará, entre outros.
A esperanza do BNG fronte á desesperanza de Feijóo
Previamente, o portavoz nacional salientou que o 21 de outubro temos que elixir entre a desesperanza que representa o PP e Feijóo ou decidir a esperanza e o cambio de rumbo que representa o BNG.
Asegurou que o BNG está disposto a dar a batalla para facer realidade unha aspiración fundamental: o dereito a vivir e traballar na Galiza con dignidade.
Guillerme precisou que a estas alturas está claro que ou ben optamos por máis Feijóo, que é o mesmo que máis Rajoy e máis recortes e centralismo, máis desastre económico e social, ou apostar por un cambio de rumbo que representa o BNG.
O partido está aberto, as eleccións non están decididas
Neste sentido, afirmou que no BNG estamos convencidos de que somos moitos e moitas máis os galegos e galegas que queremos un cambio de rumbo e por iso o día 21 estou seguro de que ese cambio de rumbo vaise producir.
O partido está aberto, as eleccións non están decididas, subliñou.
A este respeito, salientou que a chave da derrota do PP é o ascenso electoral do BNG, e por iso pedimos a todos os galegos e galegas que reflexionen, pensen e voten BNG.
Contratos con PEMEX: Feijóo quere tapar con dous barcos o seu desastre co naval galego
Preguntado sobre os supostos contratos de PEMEX con estaleiros galegos para a construción de dous floteis, Guillerme ironizou que parece que a solución dos tremendos problemas de Galiza vai ser a construción de dous barcos.
Neste sentido, afirmou que para que non sufra o señor Feijóo, por min e polo BNG oxalá se constrúan dous barcos nos estaleiros galegos.
E é que, segundo o portavoz nacional do BNG, o problema do sector naval galego é que se está caendo a anacos: en Ferrol porque existe un veto á construción naval civil e o PP non fai nada para levantalo, e porque non se constrúe o dique flotante; e no caso de Vigo, porque hai un taxlease e o señor Feijóo e o goberno de Rajoy son incapaces de petar na mesa para pedir condicións iguais para todos.
E isto -advertiu- non ten que ver coa crisi senón co desleixo do PP na Galiza e no Estado.
Nunca deron tanto que falar dous barcos: se esa é a solución dos problemas galegos, pouca solución haberá, concluíu Guillerme.
http://youtu.be/DBkUAotIMgY