O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, lémbralle a Feijóo que os gobernos de coalición son o máis normal na maioría dos países democráticos e subliñou que o 21 de outubro é posíbel que derrotar ao PP e iso pasa porque ascenda o BNG.
Guillerme fixo estas declaracións no transcurso dun almorzo informativo celebrado esta mañá en Vilagarcía de Arousa, no que tamén interviñeron a candidata número 3 por Pontevedra, Montse Prado; e a candidata número 12, Rosa Abuín.
As eleccións están abertas: se sobe o BNG é posíbel derrotar ao PP
No transcurso do almorzo, Guilllerme salientou que as eleccións do 21 de outubro están abertas e estamos seguros de que o PP pode perder a maioría absoluta.
Incidiu en que é posíbel derrotar a Feijóo e a chave para iso o ascenso do BNG. Iso sabémolo nós e sábeno eles, subliñou.
Gobernos de coalición: O máis normal nos países democráticos
Sobre as críticas de Feijóo a un posíbel goberno de coalición, Guillerme animou ao PP a integrarse na normalidade democrática porque os gobernos de coalición son o máis común en todos os países democráticos.
Neste sentido, afirmou que se o PP perde a maioría hai que conformar un goberno que faga políticas diferentes.
Neste sentido, Guillerme avanzou que para o BNG ese novo goberno ten que comprometerse co avance do autogoberno de Galiza; con facerlle fronte aos salvaxes recortes do Goberno de Rajoy; que apoie os sectores produtivos para saír da crise e que defenda os intereses das clases populares: dende os estafados polas preferentes aos dereitos dos e das traballadoras.
Nós non estaremos nun goberno modelo andaluz no que se aceptan os recortes por imperativo legal, subliñou.
Montse Prado: Feijóo ven ao Salnés a vender as mesmas promesas incumpridas de hai 3 anos e medio
Pola súa parte, Montse Prado, criticou que onte Feijóo veu prometer a Vilagarcía o mesmo que prometeu hai 3 anos e medio e que non cumpriu: a ampliación do Hospital do Salnés ou o aumento do número de PERMEX.
Sobre as medidas concretas do BNG para o Salnés, Montse Prado recoñeceu que non hai variñas máxicas pero si hai medidas que propomos e coas que podemos saír da crise, como desenvolver o noso sector primario, defender os nosos sectores produtivos, defender os servizos públicos e poñerse de lado dos máis febles, pois o que non pode ser é que, por exemplo, os produtores de uva das Rías Baixas non teñan garantido un prezo digno e o goberno da Xunta se inhiba á hora de sentar a negociar a produtores e adegas.