O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe que fronte ao desprezo e desleixo do señor Feijóo cara o noso agro, o BNG comprometeuse co medio rural cando estaba no Goberno da Xunta e volverao facer no futuro.
Guillerme fixo estas declaracións tras manter unha reunión cunha delegación da Federación Rural Galega (FRUGA), un encontro no que houbo unha gran coincidencia á hora de analizar os problemas do medio rural galego e as súas solucións. Por parte do BNG tamén asistiron o secretario de Acción Social, Rafa Vilar, e a secretaria de Organización, Montse Prado
Feijóo abandonou o medio rural e decidiu entregarllo ás grandes multinacionais
Na rolda de prensa posterior Guillerme Vázquez, que compareceu xunto ao presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez, denunciou que nestes tres anos e medio o señor Feijóo abandonou decididamente o medio rural galego, e e entregoullo ás grandes industria transnacionais.
Como exemplo, demandou que o señor Feijóo terá que explicar por que en Galiza se pagan os prezos do leite aos produtores máis baixos do Estado, por que en Franza se paga moito máis o leite que aquí. Algo terá que ver -afirmou- coa súa decisión de abandonar a este sector.
O BNG demostrou compromiso co medio rural, tamén cando estaba no Goberno
Para o portavoz nacional do BNG a consecuencia do que está a acontecer coas políticas de Feijóo é que se incrementa o despoboamento de amplas zonas rurais do país e que cada vez máis os sectores agrogandeiros esmorecen.
Para pórlle remedio a esta situación, Guillerme asegurou que hai que facer xustamente o contrario do que está a facer o PP: actuar e ter un goberno que si crea que este sector agrogandeiro é estratéxico para o país, e darlle apoio político.
Advertiu de que o emprego non se crea do aire, créase con bases produtivas, e en Galiza deixando esmorecer os sectores nos que somos competitivas é imposíbel crear emprego.
Por iso, salientou que o BNG ten unha traxectoria contrastada, tamén estando no Goberno da Xunta, de apoio decidido ao medio rural. Foi sempre o noso compromiso e serao no futuro, subliñou.
Cinismo de Feijóo coa demisión do alcalde de Boqueixón
Por outra parte, e a preguntas dos xornalistas sobre a dimisión do alcalde de Boqueixón pola súa imputación na Operación Pokémon, Guillerme criticou que Feijóo, o campión da ética política, da tolerancia cero nas súas filas, acaba de adoptar unha decisión dun cinismo incalculábel, ao permitir que o alcalde de Boqueixón siga sendo alcalde ao tempo que parece que non o é.
Neste sentido, o portavoz nacional do BNG demandou que en aplicación do que tanto ten esixido aos demais, o señor Feijóo debería esixir o cese do alcalde de Boqueixón, non para mantelo como alcalde na sombra, que é o que pretende con esta decisión de permitirlle que siga como concelleiro.