Un goberno solvente é o que loita contra o paro non o que leva o País a ruína como fixo Feijóo

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, acusou hoxe a Feijóo de comportarse como un “frío contabél” en vez de como un verdadeiro presidente da Xunta e advertiulle que a solvencia consiste en loitar contra o paro, loitar contra a crise, “e nestes asuntos Feijóo é un presidente insensíbel co drama que estamos a vivir, non hai tal solvencia”.

Jorquera, nun mitin en Tomiño, criticou a “locuacidade” demostrada por Feijóo durante o debate na TVG do pasado Mércores, “moi locuaz si pero mentiu sobre as contas públicas, mentiu sobre as listas de espera e sobre o caso dramático da persoa enferma de cancro que agarda por unha operación en Ourense”.

“Asemade -continuou- aínda estamos agardando a que expulse do seu partido a Castelao Bragaña, un señor que se atreveu a dicir que as leis son para violalas, como as mulleres, unha auténtica barbaridade que é auténtico terrorismo machista”.

A locuacidade de Feijóo para mentir contrasta co seu silenzo á hora de expulsar do PP a Castelao Bragaña

Para o candidato nacionalista, o 21 de Outubro ábrese en Galiza a doble oportunidade de frear a Feijóo e tamén a Rajoy, para que non conte co aval que o lexitime para seguir aplicando brutais recortes.

Jorquera ironizou co lema do PP de que “Galiza primeiro” e preguntouse se iso é así por que o goberno de Feijóo non se opuxo ao decreto do Estado do copago dos medicamentos dos pensionistas, ao decreto enerxético ou ao decreto que legaliza a estafa masiva das preferentes.

“Cando foi Galiza o primeiro para Feijóo -dixo- que chegou á Xunta atacando o galego e agora di que a súa principal preocupación é que Galiza non sexa un problema para o Estado, cando o que lle debería preocupar é que as políticas de Rajoy levan a Galiza á ruina?.”

O candidato do BNG explicou que o programa de Feijóo xa se coñece, é o dunha Galiza sumisa e obediente a Madrid e a novos recortes, como en Portugal e Grecia, “por iso Galiza precisa abrir unha nova etapa, da man do BNG, que aposte entre outras medidas por un banco público e unha nova política fiscal”.

Jorquera concluiu dicindo que o cambio real que precisa Galiza tamén implica rexenerar a democracia e afortolar o autogoberno “pois fronte aos que falan de que prioridade é buscar unha saída social á crise eu digo que autogoberno e saída xusta e social á crise son caras da mesma moeda”.

Carlos Aymerich

Pola súa parte, o candidato número 1 por Pontevedra, Carlos Aymerich, tamén ironizou coa sintonía de campaña do PP “Acabar o que iniciamos” e prantexou se Feijóo se refire a acabar como no país veciño, pagando por ir a urxencias ou ao hospital .

“O PP quere que volvamos aos tempos nos que só estuden os ricos e que haxa que aforrar por se nos poñemos enfermos, pero aí está o BNG para facerlles frente”, concluiu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG