Continúa a insumisión cívica do Goberno municipal de Pontevedra, liderado polo alcalde do BNG Miguel Anxo Fernández Lores, fronte ás políticas antisociais e letais para o pobo galego do Goberno de Rajoy.
Tal e como ameazara o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o Estado findou por recorrer ao poder xudicial -através dun recurso contencioso administrativo- para tentar anular as medidas compensatorias implementadas polo goberno do concello de Pontevedra para resarcir ás e aos empregados do concello pola supresión da paga extra de Nadal.
Política rebelde
Lores declarou onte que «facemos unha política insubmisa e rebelde contra unha decisión do Goberno do PP que consideramos inxusta, e facémolo sendo conscientes das súas posíbeis consecuencias».
O alcalde de Pontevedra enfatiza ademais que a medida compensatoria introducida polo seu goberno -un plus de produtividade- é plenamente legal ao non terse recorrido a ningún endebedamento e a non tocar a partida orzamentaria destinada en orixe ao pagamento da extra.
Manter o poder adquisitivo d@s empregad@s do concello, un balón de osíxeno para o sector servizos e o pequeno e mediano comercio
A decisión do Concello de Pontevedra, remarca, ten pois todas as "garantías xurídicas".
En todo caso, o alcalde nacionalista salienta que estamos ante un debate "político e non xurídico" e que as e os traballadores do Concello teñen "pleno dereito" a seren xustamente retribuídos polo seu traballo. "Merecen a extra e ademais que a perciban representará un balón de osíxeno para a economía de Pontevedra, nomeadamente para o sector servizos e para o pequeno e mediano comercio", alega.