O Bloque Nacionalista Galego, no momento en que se produce a abdicación dun xefe do Estado español que nunca recoñecemos manifesta, máis unha vez, a súa oposición ao actual réxime monárquico e denuncia a manobra que pretende garantir a súa continuidade, nuns momentos en que este réxime está a ser posto en cuestión. Cómpre salientar, en primeiro lugar, o anacronismo que supón a monarquía, un réxime incompatíbel cun sistema democrático, un réxime "vitalicio" e "hereditario" estabelecido "pola graza de Deus" e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo. O BNG cuestiona tamén o papel da monarquía española, inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía.
Ao BNG non lle serve esta operación de cosmética para salvar o réxime nin unha simples mudanza na forma do Estado. Non estamos pola vía de mudar algo para que todo siga igual. Non será iso o que mude nada esencial no noso País nin resolverá os problemas que padecemos. O que a Galiza precisa é liberdade e capacidade para decidir, precisamos soberanía. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei.
Por iso, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova que culmine, após iniciar un proceso constituínte para a nación galega, na República Galega.
Finalmente, o BNG fai un chamamento, en réxime de autoconvocatoria, para se concentrar a cidadanía galega ás 20:00 horas nas cidades e vilas do noso país, polo dereito a decidir e por Galiza pola República.