O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, defendeu a necesidade de que Galiza conte cun concerto económico e autonomía financeira plena para poder ter máis recursos cos que financiar a sanidade, a educación ou a dependencia.
Jorquera, durante un acto en Vigo de presentación das propostas económicas do BNG, explicou que é fundamental esa autonomía financeira para que as grandes empresas como Citroen ou Inditex paguen o imposto de sociedades en Galiza e contribúan así fiscalmente a sacar o País da crise.
Hai que escoller dixo- ou o concerto económico que propón o BNG ou o endebedamento masivo ao que conducen as políticas de Feijóo, pois só nesta lexislatura multiplicou por tres a débeda.
O candidato nacionalista asegurou que para vencer o tópico de que Galiza é un País subsidiado é imprescindíbel contar con autonomía e está demostrado, dixo, que as Comunidades Autónomas que dispoñen de concerto económico están sendo moito máis resistentes á crise.
As grandes empresas como Inditex ou Citroen teñen que pagar o imposto de sociedades en Galiza e contribuir fiscalmente para que o País salga da crise
Para Jorquera, as políticas do PP en materia impositiva conduciron a unha auténtica desertización fiscal pola baixada de impostos ás grandes fortunas e pola fraude fiscal , polo que advogou pola persecución desta última, que permitiría recadar máis de 38.000 millóns de euros, e por unha reforma fiscal progresiva que faga pagar más a quen máis ten, o que suporía uns ingresos de 100 millóns de euros.
Trátase de obter máis recursos para poder investir en gasto social, en gasto para as necesidades e benestar da xente non en gasto superfluo e para evitar así caer na espiral do endebedamento.
Sen demagoxia sobre os impostos
O candidato nacionalista advertiu que o BNG non fai demagoxia como o PP cando fala de impostos, somos conscientes de que son necesarios, non é certo que a máis impostos máis paro, pero sempre e cando se fale dunha fiscalidade máis avanzada e distribuida con equidade.
Antes da intervención de Jorquera, tomaron a palabra os cabeza de lista provinciais e o economista Xavier Vence, que salientaron a necesidade de pór o País a producir, a través do sector primario, da industria ou o I+D+I, e dunha banca pública.
http://youtu.be/PhIvEKdhaaA