Madrid, coa compracencia de Feijóo, consumou a colonización financeira de Galiza deixando o control do 40% do aforro do país en mans da entidade venezolana Banesco que, pese a ter a metade de activos que NGB, quédase coa entidade galega a prezo de saldo de 1.003 millóns de euros, dos que 600 os abonará en cómodos prazos ata 2018.
Tras esta descrición dos feitos, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, salientou que hoxe é un día triste para Galiza porque perdemos o control do noso sistema financeiro, perdemos como contribuíntes 8.000 millóns de euros e, sobre todo, perdemos a oportunidade de ter unha banca pública galega desde agora mesmo por tan só de 400 millóns de euros.
Vence subliñou que, dentro das opcións posibles, a venda a Banesco é a menos mala das opcións que pretendía executar o Ministro de Economía, Luís De Guindos e a banca española. O papel do BNG e dos medios de comunicación galegos evitou o mal maior que sería a entrega de NGB á banca española que suporía a desaparición inmediata da entidade e o despedimento masivo da plantilla, alegou.
O BNG non se vai conformar co mal menor e seguirá loitando para que Galiza teña unha banca pública e propuxo como primeiro paso a creación inmediata dun Instituto de Crédito Oficial que facilite crédito ás empresas e as familias sen renunciar a recuperación da entidade no futuro, como fixo a propia Venezuela co Banco Venezolano das mans do Santander. Pode facerse se hai vontade política e o BNG ten esa vontade.
En todo caso, valorou que, a expensas de coñecer as condicións da venda polo miúdo, se anuncie a continuidade da entidade, da sede e dos centros de decisión en Galiza e o mantemento maioritario do emprego.
Vence criticou a actitude indolente do presidente da Xunta a quen cualificou de irresponsable por declarase tranquilo ante a desaparición do noso sistema financeiro. Senón é quen de defender o país, debe dimitir, toda vez que xa ten abandonado Galiza nas mans de De Guindos e de Madrid, denunciou.
O dirixente nacionalista reiterou que o BNG vai solicitar á Fiscalía Anticorrupción que abra un expediente de investigación por posible malversación de fondos públicos e prevaricación, tendo en conta que se elixe o peor momento para a venda da entidade e a perda inxustificada de 8.000 millóns de euros, ás que habería que sumar os máis de 500 millóns de euros roubados pola estafa da preferentes aínda sen recuperar.
Convocatoria social
O BNG fai un chamamento á cidadanía para que mañá saia a rúa e se concentre diante das oficinas centrais de NGB nas principais cidades galegas, como mensaxe clara de que non hai sitio para resignarse, a acadar o obxectivo de que Galiza conte cun sistema financeiro propio, como ten Euskadi ou Catalunya.