Galiza Nova elixe nova dirección e márcase como obxectivo recuperar o apoio da mocidade

A XII Asemblea Nacional de Galiza Nova elixiu esta tarde a Alberte Mera García como novo secretario xeral. A súa candidatura, integrada por 25 mozos e mozas, recibiu o 80% dos votos a favor, nunha asemblea moi participativa na que se deu un enriquecedor debate sobre como mellorar o traballo da organización xuvenil do BNG de cara a acadar unha maior incidencia na mocidade galega.

Neste sentido, as teses, que recibiron máis do 80% de votos a favor, marcan como obxectivo recuperar a incidencia e apoio social de Galiza Nova, especialmente na mocidade de ámbito urbano. Tamén se abordou a necesidade de que Galiza Nova teña un papel máis relevante no nacionalismo xuvenil.

Agradecementos a Iria Aboi polo seu gran traballo

Alberte Mera agradeceu en primeiro lugar o grande traballo e a entrega persoal da até agora secretaria xeral, Iria Aboi, que recibiu continuas mostras de agarimo e os merecidos aplausos dos mozos e mozas de Galiza Nova.

O novo secretario xeral salientou que “o máis positivo desta XII Asemblea Nacional de Galiza Nova foi o debate que demos, analizando de forma positiva, criticando aquelas cousas que nos gustaría que tivesen saído mellor”.

“Galiza Nova quere estar coa mocidade galega para reclamar os noso dereitos”

Alberte Mera recoñeceu que “estamos a padecer tempos moi duros para a mocidade galega, e Galiza Nova quere dar respostas ás necesidades de emancipación tanto da mocidade como de Galiza”. Tamén salientou que “queremos denunciar a situación de paro, pobreza e miseria á que nos conducen as políticas do PP. Igualmente, queremos denunciar as trabas de acceso ao ensino público, como son as reválidas, suba de taxas, recorte de bolsas e de prazas”.

“En definitiva, queremos estar coa mocidade para demandar que sexamos protagonistas da cidade, e para reclamar os dereitos da mocidade, como o de vivir e traballar na nosa Terra”. subliñou.

Tamén salientou “a necesidade de saír reforzados desta asemblea nacional para afortalar o BNG, xusto neste momento en se está a abordar un debate interno para saír tamén máis fortalecido”.

Guillerme: “Hai un espertar da mocidade á política, e o BNG quere estar ao seu carón”

Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, declarou aos medios antes da clausura da asemblea de Galiza Nova que “estamos nun momento no que é evidente que se a sociedade en xeral ten moitos problemas, e a xuventude está a pasar por un momento delicadísimo dende o punto do seu futuro”.

En concreto, salientou que “estamos nun contexto no que se está a producir un espertar da mocidade á política, un espertar dende a convicción de que “a festa acabouse” e da necesidade de loitaren polo seu futuro”.

Neste sentido, manifestou que “eu agardo que esta asemblea nacional de Galiza Nova tamén sirva para pór en forma á organización xuvenil do BNG para traballar na mocidade galega a prol dunha Galiza digna e soberana na que poder vivir e traballar dignamente”.

Datos biográficos do novo secretario xeral de Galiza Nova

Alberte Mera García, nado en Vigo en 1987, ten 25 anos. Realizou estudos de Comunicación Audioviusal en Pontevedra e en Santiago de Compostela. Na cidade do Lérez foi responsábel de Campus dos Comités Abertos de Faculdade (CAF).

Ten realizado diversos traballos audiovisuais e está a realizar unha tese sobre as orixes do cinema galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG