Jorquera insta a Feijóo a deixar de ser o "campeón do escaqueo" e emprázao a falar na Cámara da verdadeira situación social e económica de Galiza e dos casos de corrupción que salpican o PP
O portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, replicou a Núñez Feijóo que o modelo do BNG non é nin o de Bárcenas nin o do austericidio que el practica e convidouno a que deixe de ser o campeón do escaqueo e dea contas na Cámara sobre os casos de corrupción que afectan ao Partido Popular.
Jorquera, que preguntou na sesión de control ao presidente pola situación social e económica de Galiza, instou a Feijóo a que se realmente quere falar de dados estatísticos fale coa xente da rúa e tamén salga á rúa a dicirlles aos traballadores do naval que hoxe se están manifestando ás portas da Cámara o mesmo que está a manter vostede aquí.
O voceiro nacionalista fixo este emprazamento logo do autobombo e da propagadan do presidente sobre o seu traballo a prol deste sector e advertiu que os contratos de Pemex semellan o conto de Pedro e o lobo e se algún día chegan a sustanciarse ninguén o vai crer.
Dique flotante
Jorquera tamén puxo enriba da mesa outras contradiccións de Feijóo respecto ao naval, como facer do dique flotante o seu cabalo de batalla cando eran oposición no Estado e logo comezar coas rebaixas e nin dique nin carga de traballo.
Para o parlamentar do BNG, a sociedade está ao límite da resistencia, cun 20 por cento da poboación por baixo do umbral da pobreza e cunha taxa de paro que bateu records históricos e que no mes de Xaneiro xa acadou a previsión que tiña a Xunta para rematar 2013, estas son as consecuencias do austericidio.
Corrupción
E por se fose pouco, esta sociedade contempla alarmada e indignada os casos de corrupción que salpican ao seu partido, como a Deputación de Ourense convertida nunha máquina de colocación de militantes e amigos do PP, o concello de Santiago camiño de disputar a Marbella o récord de imputacións ou as informacións que revelan que o Partido Popular de Galicia entregou 21 millóns de pesetas en negro ao tesoreiro do PP.
Jorquera corrixiu a Feijóo e aclaroulle que a corrupción non ten a ver coa financiación dos partidos, senón coa plutocracia, co goberno dos ricos para os ricos, e con facer de correa de transmisión política das elites económicas.
Señor Feijóo, para rexenerar a democracia hai que acabar coa porta xiratoria porque democracia e plutocracia, señor Feijóo, son incompatíbeis, concluiu.
http://youtu.be/ucUE-pekaGU