O BNG, a través do seu portavoz nacional Xavier Vence, esixiu esta tarde "a dimisión de Feijóo e Rajoy e a convocatoria inmediata de eleccións", á vista dos graves feitos de financiamento ilegal recollidos na documentación que obra en poder da xustiza, segundo os cales o PPdeG tería recibido en 2006 donativos de grandes construtoras que realizaban traballos para a administración.
Estes novos feitos, unidos aos coñecidos durante a fin de semana pasada na que se revelaba que o PPdeG recibira en 2006 case dous millóns de euros en doazóns opacas, veñen confirmar que "estamos diante dun monstro de enormes dimensións, unha trama de financiamento ilegal que se estendeu no tempo e implicou a empresas e particulares con fortes vínculos coas administracións gobernadas polo Partido Popular". Sinalou que, cos datos que se coñecen neste momento "trátase dunha trama que afecta á estrutura profunda e aos dirixentes dun partido político que ten a responsabilidade de gobernar Galiza e o Estado Español, pois polo momento en que se produciron as doazóns é imposible que Feijóo e Rajoy non tivesen coñecemento delas. Están completamente desacreditados".
Vence afirmou que a corrupción do PP non é algo accidental, é estrutural e responde a un esquema de poder para privilexiar a unhas elites do estado, especialmente as da capital do Estado, ao mesmo tempo que beneficia ao Partido Popular e persoalmente aos seus dirixentes.
O portavoz nacional explicou que "coa revelación dos novos datos a situación de Rajoy e Feijóo é cada vez máis insostible pois non se trata só de que os máximos dirixentes do PP asuman as súas responsabilidade por estes graves feitos senón que esta situación pon en cuestión ao PP como partido con lexitimidade para gobernar no Estado e na Xunta". Neste sentido, Vence cualificou ao PP de "formación en estado de putrefacción que non pode gobernar".
A única vía de saída para recuperar a lexitimidade nun momento de gravísima crise económica e social é "convocar eleccións para devolverlle a voz á cidadanía" e esixir que a xustiza chegue ata o final no esclarecemento dos graves delitos que se poden derivar da documentación que están publicando os medios de comunicación.