Feijóo non merece unha segunda oportunidade porque Galiza non pode perder catro anos máis

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou durante a presentación da candidatura pola provincia de Lugo que Feijóo non se merece unha “segunda oportunidade” o próximo 21 de Outubro porque “Galiza non se pode permitir perder outros catro anos.”

Jorquera explicou que por primeira vez e sen que serva de precedente está dacordo con Feijóo en que nestas eleccións hai que xulgar só o seu balance de goberno, como afirmou onte nunha entrevista, pero advertiulle que o balance da súa xestión é un “cero patatero”.

Neste sentido, lembrou que Feijóo fracasou en todas as súas políticas e lamentou que logo de comportarse estes catro anos como un delegado do goberno español, un “delegado de Rajoy” en Galiza, agora faga un chamamento para que o 21-O non se xulguen outras políticas, “agora fuxe de Rajoy e pide que se xulgue só o seu balance de goberno”.

Segundo rescate

O candidato nacionalista reiterou que as políticas da dereita, baseadas só na austeridade e nos recortes brutais, só traen consigo máis recortes e máis depresión da economía e criticou que malia esta realidade, que se pode constatar en Grecia e Portugal, Rajoy estea preparando o terreno para facer pasar como “normal” o segundo rescate.

“Onte mesmo -engadiu- o presidente do Eurogrupo advertiu de que este rescate vai traer consigo condicións durísimas pero Feijóo, sen embargo, aínda non se pronunciou”.

Feijóo vai concorrer a estas eleccións coa mesma estratexia que Rajoy, agachar o seu verdadeiro programa e eludir que o balance da súa xestión é de cero patatero

Para Jorquera, esta actitude do candidato do PP é reveladora de que vai concorrer a estas eleccións coa mesma estratexia de Rajoy, agachar o seu verdadeiro programa e os brutais recortes antisociais previstos para despois do 21 de Outubro.

“Feijóo debe aclarar tamén -dixo- se está diposto a pactar ou non con Mario Conde, malia que diga que non o levaría nas súas listas, unha alianza que sería a expresión do que está pasando nos últimos tempos, a alianza da dereita cos banqueiros de casino”.

Para facer fronte a este escenario, Jorquera defendeu un profundo cambio de rumbo, un novo tempo político que non sexa simple alternancia no goberno senón a aposta por políticas como as que propón o BNG, “que planten cara aos recortes e rexeneren a democracia”.

Cosme Pombo

Pola súa parte, o cabeza de lista pola provincia, Cosme Pombo, comprometeuse a levar ao Parlamento a mellor ferramente que ten a provincia para defender os seus intereses, “e esa ferramente é o BNG”, dixo.

Pombo asegurou que o BNG ten entre as súas prioridades poñer o País a producir e reivindicar tanto os seus sectores productivos como o seu rural, e fixo unha mención especial ás dificultades que está atravesando Alcoa e o ensino no rural.

Isabel Sánchez, candidata número 2, reivindicou a pluralidade das listas nacionalistas e amosouse convencida de que hai outras solucións para virar as políticas de dereitas e “en bloque podemos” poñelas en marcha.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG