http://youtu.be/ZynyEq0FlK8O portavoz do G.P. do BNG, Francisco Jorquera, emprazou a Feijóo a que volte ao consenso que unilateralmente rachou en política lingüística, rectifique as súas políticas lingüicidas e derrogue o decreto da vergoña.
Jorquera, na sesión de control en Pleno, reclamou, asemade, que desenvolva nesta lexislatura o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento en vez de aplaudir a santa cruzada educativa emprendida polo ministro Wert.
O portavoz parlamentar do BNG criticou a Feijóo por presumir de que o modelo educativo que se vai implantar no Estado é o modelo galego, que demostrou que non xera ningún problema.
É dicir engadiu- para vostede non xera ningún problema un modelo que condea á marxinalidade ao noso idioma, que tivo o rexeitamento de toda a comunidade educativa, que vulnera tratados internacionais e que acaba de ser tumbado polo TSXG?.
Para Jorquera, cómpre advertir tamén que o modelo que está a avalar Feijóo, a LOMCE, significa realmente Lei Machista e Mercantilistas, Clasista e confesional e de Españolización, un anteproxecto con tintes neofranquistas, feito ao ditado da patronal de centros privados e da xerarquía da igrexa católica.
O voceiro nacionalista na Cámara galega lembrou que as pretensións do ministro Wert invade competencias do autogoberno galego pois é claramente uniformizadora e relega o galego, Euskera e catalán á categoría de linguas de cuarta división, por iso é fundamental a intervención e rectificación de Feijóo neste asunto, apostando por políticas de discriminación positiva co galego.
Competir en pé de igualdade
Señor Feijóo, vostede apela á liberade, pero se no mesmo curral son libres o raposo e a galiña sempre será o raposo o que coma a galiña, para que a galiña sexa libre é necesario que poida competir en pé de igualdade co raposo, afirmou como exemplo.
Chama a atención que Feijóo reivindique que oito sentenzas avalan o decreto do plurilngüismo e ao mesmo tempo decida recurrilas, para iso si que non repara en gastos nin aplica a austeridade
Jorquera afirmou que é curioso que, por unha banda, o PP diga que oito sentenzas refrendan o decreto do galego ao cen por cen e un día despois anuncien que as van recorrer , e chama tamén a atención que á hora de españolizar se esqueza da austeridade da que tanto presume e estea disposto a non reparar en gastos para ir aos tribunais.
Vostede é presidente de Galiza, exerza como tal, respete o estatuto, que estabelece que o galego é a lingua propia de Galiza, e aplíqueo, concluiu
http://youtu.be/ZynyEq0FlK8