Feijóo da marcha atrás e non explicará as propostas contra a corrupción

Francisco Jorquera

Jorquera acusa ao presidente de anunciar unha comparecencia como “manobra de distracción” para tapar os escándalos e eludir responder no último pleno

Comparecencia de Jorquera tras a Xunta de Portavoces

Tras a Xunta de portavoces, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera asegurou que o Presidente da Xunta utiliza como pretexto as futuras conclusións do Informe do Consello Consultivo para non comparecer na Cámara galega e dar explicacións sobre os casos de corrupción que salpican ao Partido popular. Feijóo, dixo o nacionalista, “non ten credibilidade para anunciar medias contra a corrupción” mentres non dea explicacións das súas “relacións perigosas” co conseguidor , Pachi de Lucas ou Marcial Dorado así como os continuos escándalos que afectan á lista interminable de imputados do Partido popular de Galiza.

O BNG preguntará pola situación enerxética de Galiza

No vindeiro pleno, o portavoz nacionalista preguntará a Feijóo pola situación enerxética en Galiza tendo en conta,e explicou o deputado, que somos unha potencia en enerxía eléctrica, producimos máis do que necesitamos e fronte esta situación dáse o paradoxo de que “o 18% da poboación, 187.000 persoas, viven en situación de pobreza enerxética”.

Ademais,dixo, anúncianse despedimentos colectivos de empresas que non poden asumir custes enerxéticos como acontece en Alcoa e Megasa con 600 empregos directos ameazados , a pesar, recalcou, de ser Galiza unha grande produtora eléctrica.

Francisco Jorquera

Jorquera tamén aludiu as dificultades do sector das renovábeis en “desgüace” pola desfeita do parón, decretado polo Goberno central, do concurso eólico, situación que acentúa gravemente o derrube do tecido industrial. Esta mesma semana, engadiu, coñeciamos os datos do último mes e Galiza ocupa o segundo posto no Estado español coa peor taxa de produción industrial no que vai de ano.

O deputado criticou que mentres Galiza segue caendo, o Goberno vasco arranca unha tarifa específica para as súas empresas, “a Xunta, sen embargo, renuncia a esixir unha tarifa galega” e acepta unha política enerxética do Goberno central, “ruinosa”.

Debates á iniciativa do BNG

Na vindeira sesión plenaria prevista para os días 16-17-18 tamén seran debatidas, á iniciativa do BNG, unha moción sobre medidas para a recuperación e aproveitamento da superficie agraria, a paralización dos procesos de execución hipotecaria en curso, demandas ante o Ministerio de Defensa relacionadas co uso do campamento militar de Parga e a concertina instalada no seu perímetro, reclamar un trato fiscal xusto para os emigrantes retornados e medidas a adoptar en defensa da flota artesanal do xeito.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG