"Espírito de Riotorto", rebelión cívica contra os recortes e alternativas desde os Concellos do BNG

Loitar contra os recortes do PP con medidas alternativas desde os Concellos do BNG e apoiar á rebelión cívica impulsada polos movementos e colectivos sociais. Estes son os dous aspectos que configuran o que o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, definiu como "espírito de Riotorto", por ser este o primeiro Concello nacionalista en enfrontarse ao copago e servir de revulsivo en todo o país.

Presentacion campaña Reforma dos concellos, ruína para a cidadanía

O BNG pon en marcha nos concellos onde goberna unha estratexia de defensa dos dereitos sociais fronte aos recortes do PP, que supoñen un “auténtico golpe de estado” contra a sanidade universal e gratuíta, contra a educación pública e contra os servizos públicos de calidade.

“O BNG impulsa unha estratexia de resposta contra o ataque ao estado de benestar nos concellos onde goberna, estratexia que bautizamos como o espírito de riotorto, demostrando que é posible facer outro tipo de políticas, que é posible afrontar a crise preservando os dereitos sociais e o benestar, en particular dos colectivos máis desfavorecidos como as persoas maiores ou os doentes”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence.

“É posible adoptar medidas para defender á cidadanía en lugar de agredila e machacala”, resaltou Vence, e citou como exemplo aos concellos nacionalistas de Riotorto, Ribadeo, Monforte, Mondoñedo, Allariz, San Sadurniño, Vimianzo, Zas e Pobra do Brollón, “que asumirán o copago dos medicamentos hospitalarios nos casos en que os veciños afectados por doenzas crónicas non podan facerse cargo”.

Ademais do copago, Vence citou outros exemplos que forman parte desa estratexia dos gobernos municipais do Bloque, como o Concello de Pontevedra, “que decidiu romper o teito de gasto para poder facer investimentos que xeren emprego, ou a proposta de pór ao servizo das familias desafiuzadas vivendas costeadas cos orzamentos municipais”, explicou.

Igualmente, citou outras medidas, como as emprendidas en Tomiño, que puxo en marcha bancos de alimentos para as familias con dificultades extremas, e axudas de apoio e complemento aos comedores escolares “para que todos os escolares podan ter garantida unha alimentación digna” nese municipio.

“Demostramos con feitos que é posible outra política fronte a crise, que garanta os dereitos dos nosos enfermos, dos nosos maiores, dos nosos nenos, do nosos estudantes e das familias”, salientou Vence, “é a resposta á política agresiva dos recortes do PP que poñemos en marcha dentro do espírito de Riotorto, que foi o primeiro concello que serviu de revulsivo enfrontándose ao copago”.

Rebelión cívica

Ademais da resposta institucional nos concellos, o BNG tamén “apoiará as mobilizacións que se convoquen polos diferentes colectivos sociais”, en particular os dous actos de protesta xa anunciados polas 150 asociacións reunidas a pasada fin de semana no Concello lucense  de Riotorto.

Os colectivos sociais avanzaron que haberá unha protesta en contra do copago ante os hospitais públicos de todo o país o 8 de novembro, así como unha gran mobilización social o 17 de novembro para acadar a retirada da medida.

“Ten que haber unha rebelión cívica encabezada polos concellos, como administración máis próxima á veciñanza, para frear golpe ao estado do benestar que está a levar a cabo o PP, desde Madrid e desde a Xunta de Galiza”, concluíu Vence.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG