O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou esta tarde-noite nun mitin en Carballo que o debate real desta campaña está entre elixir o modelo do continuismo das políticas fracasados do Partido Popular ou as alternativas do BNG, en contra dos recortes a a prol da xustiza social como vía para saír da crise.
Jorquera explicou que é o BNG o que pon enriba da mesa o contraste entre as dúas Galizas posíbeis e reiterou que diga o que diga Rajoy a herdanza do goberno de Feijóo é a dun país en ruínas e endebedado.
O candidato nacionalista defendeu as propostas do BNG como única vía para conseguir o cambio real que precisa Galiza, un cambio que poña fin ao peor goberno da historia deste País e que sexa un dique de contención contra os recortes.
Para Jorquera, o 21 de Outubro dáse a oportunidade de abrir unha nova etapa; en Galiza, a de apostar por un proxecto para a xente traballadora, para os pequenos e medianos empresarios, para os autónomos, para a mocidade, para os traballadores de Alcoa, para o naval; e no Estado, a de evitar que Rajoy se sinta lexitimado para rebaixar as pensións e os salarios.
O BNG ten un proxecto dixo- chamado traballo, chamado democracia e chamado soberanía, e cada día que pasa se ve máis claro que a derrota do PP é posíbel; crece a desafección da cidadanía co PP na mesma medida que medra a simpatía cara ao BNG por iso vos pido o voto, porque en bloque podemos, porque merecemos gobernar nós a nosa terra.