O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, propón frear a venda de NGB tendo en conta que non existe obriga de tal operación ata 2017, co obxectivo último de aproveitar ese prazo para converter a entidade en banca pública galega.
A venda acelerada de NGB é un absoluto disparate que demostra que o noso país está sen timón. Estámonos quedándonos sen sistema financeiro, sen sistema financeiro non hai industria nin emprego. En definitiva, cando falamos da supervivencia dun sistema financeiro propio, estamos falando do futuro do noso país, salientou Vence no decurso das xornadas Alternativas para un sistema financeiro galego, organizadas pola Fundación Galiza Sempre na USC.
Unhas xornadas nas que tamén participaron analistas económicos e políticos como Xoan Lópes Facal, Marcelino Fernández Mallo, Xosé Luis Gómez, Ramón Yáñez, así como o responsable de CIG-banca, Clodomiro Montero, e a deputada e portavoz na comisión parlamentar de investigación das caixas de aforro, Carme Adán. As xornadas estiveron presentadas polo presidente da Fundación Galiza Sempre, Xesús Veiga, e polo responsable da ára de Estudos e Formación da Executiva nacional, Adrian Vicente.
Vence instou a Rajoy e Feijóo a explicar deixan Galiza sen un sistema financeiro propio e adican 25.000 a rescatar unha entidade madrileña como Bankia, ao tempo que explicou a proposta do Bloque para NBG.
Retardar a venda ata 2017, como estaba previsto, e se aproveite ese tempo para converter a participación do FROB en unha participación pública que converta NGB nunha banca pública galega como precisa o país para poder ter crédito, fomentar os sectores produtivos e para ter unha relación cos clientes nas que sexan tratados como persoas e non como suxeitos a espoliar, explicou.
O portavoz nacional deixo claro que as dúas alternativas, -quedar en mans da gran banca ou nun fondo especulativo estranxeiro-, son nefastas para Galiza, porque suporá a desaparición da entidade galega.
É o momento de converter NGB nunha banca pública galega sabendo que os recursos que están postos son 9.000 millóns de todos os galegos e galegas e temos todo o dereito a que eses recursos, que son nosos, sexan utilizados para dinamizar a economía produtiva do país, para crear emprego e darlle un futuro a este país. Esa é a proposta do BNG, concluíu.