Ana Pontón emprazou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que deixe de mentir neste Parlamento e asuma compromisos concretos que garantan o futuro do sector naval galego.
Ana Pontón, na sesión de control ao goberno, lembrou ao presidente que o seu historial na defensa deste sector é o dun regueiro de incumprimentos e de demagoxia electoral, polo que calquera anuncio que faga carece de credibilidade.
A voceira nacionalista retrucou deste xeito ás palabras de Feijóo nas que este aseguraba que dende onte hai unha nova proposta de Tax Lease do Estado español en Bruxelas.
Nin tax lease nin contratos de México
A única realidade que quedou constatada onte, logo da reunión da nosa eurodeputada Ana Miranda co señor Almunia, é que non hai ningún tipo de proposta e que vostede non conta coa necesaria axenda institucional de xuntanzas para desbloquear esta situación.
Onte mesmo a nosa eurodeputada reuniuse con Almunia e constatou que non hai ningunha proposta de tax lease
Para Pontón, tamén a reciente viaxe a México do presidente da Xunta é outro exemplo nídio de que a súa palabra carece da mínima credibilidade, pois anunciou unha seria de contratos cando non hai nada pechado.
A parlamentar recoñeceu que efectivamente hai armadores interesados en construir en estaleiros galegos mais requiren dalgún tipo de apoio do goberno que até o momento non se ten producido.
A obriga dun presidente é dar respostas non seguir frivolizando e facendo escapismo político
Que vai facer vostede? preguntou- , cando van asinarse eses contratos?; sobre o dique flotante, si ou non, e en que prazo!?; vai haber centro de reparacións, como anunciou en campaña electoral cando aínda eran oposición no Estado?.
A voceira nacionalista explicou que a obriga do presidente é dar resposta a todas estas cuestións en vez de seguir frivolizando e facendo escapismo político, vostede ten que que ofrecer solucións aos problemas do naval e senón é capaz de facelo o mellor que pode facer é irse.
Máis de 9.000 postos de traballo perdidos
Ana Pontón lembrou que o naval é a columna vertebral da industria produtiva de Galiza, polo que este País non pode permitirse o luxo de que siga esmorecendo, e nestes momentos está en en tempo de desconto, asegurou, con milleiros de postos de traballo en xogo e máis de 9.000 empregos que xa se perderon.
A voceira do BNG no Parlamento aproveitou a súa intervención para saudar e agradecer a presenza na tribuna dos traballadores do naval dos comités de Barreras, Vulcano, Isolux Naval, Montaxes Cancela, Paulino Freire, Maessa, Tecais, Eymosa, Siasa e Elecnaval.
Eles viven en primeira persoa a difícil situación do sector e levan meses mobilizándose en defensa dun sector estratéxico para Galiza, con capacidade para xerar emprego e riqueza e que non pode agardar máis tempo por solucións.